Concello de Ourense Denuncias

Denunciamos o vergoñento comportamento de Jácome durante a San Martiño

O PSDEG-PSOE CRITICA O COMPORTAMENTO DE JÁCOME DURANTE A SAN MARTIÑO E ACÚSANO DE TENTAR CONVERTER A PROBA NUN “ESCAPARATE” PARA MAIOR GLORIA DA SÚA PERSOA

Os socialistas apuntan ao “menosprezo absoluto” do alcalde non só aos atletas locais, senón a todas as persoas que corren a San Martiño e que son os auténticos protagonistas desta proba

Amosan a súa “total repulsa” a “vergoñenta” actitude de Jácome, que se encarou co público durante a proba e lémbranlle que este “non é o xeito de actuar da persoa que ostenta o cargo de alcalde de Ourense”

Ourense, 16 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense acusa ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, de tentar converter unha carreira popular dos ourensáns como é a San Martiño, nun “escaparate” de determinada elite do atletismo internacional para “maior gloria da súa persoa”. Os socialistas acusan ao rexedor ourensán de “menosprezo absoluto”, non só aos atletas locais máis significativos en ambas categorías que ano tras ano implícanse na carreira, senón a todas as persoas que corren a San Martiño e que son os auténticos protagonistas desta proba, “unha festa do deporte afeccionado local”.

Dende o Grupo Municipal Socialista fan fincapé en que Jácome, nos días previos a San Martiño, apostou “descaradamente” por traer atletas foráneos, optando ademais por declaracións “delirantes e con certo compoñente machista, que non facían senón socavar o carácter popular desta carreira”. Os socialistas consideran “inadmisible” este comportamento, así como as acusacións vertidas en redes sociais polo rexedor nos días previos “ninguneando por completo aos atletas locais como o seis veces gañador, Alejandro Fernández, e atacando a atletas olímpicos como Adrián Ben, que declinou participar no circo de Jácome”.

Para o concelleiro socialista, Wilson Jones Romero, a aposta do alcalde “saíulle mal”, xa que tal e como apunta “custeou con fondos das arcas públicas a estancia de corredores de elite na cidade durante varios días para que participaran na carreira, tratando deste xeito de desvirtuar deste xeito unha competición de carácter popular e despilfarrando milleiros de euros dos ourensáns e as ourensás”. O socialista considera que este xeito de actuar de Jácome “non fai máis que confirmar que actúa como se o Concello de Ourense fose o seu casarío particular”.

O PSdeG-PSOE de Ourense na cidade tamén amosa a súa “total repulsa” a vergoñenta actitude do alcalde, “amosando a súa peor cara”, tras encararse durante a carreira con algún sector do público, aos que lles dedicou todo tipo de insultos, desexando incluso que atletas non gañaran a proba, “nunha actuación barriobaxeira e impropia dun cargo público”. “Esta cidade non merece que o seu máis alto representante incorra unha e outra vez na mala educación”, apunta Jones Romero.

Os socialistas tamén acusan ao PP de seguir “na pasividade absoluta” ante as actuacións do alcalde, “sendo cómplices” deste tipo de actos. “O silencio do PP non fai máis que amosar que no fondo están de acordo coa súa forma de actuar”, afirman dende o GMS, antes de subliñar que “o PP cala a pesar destas tropelías e outorga o seu beneplácito a este tipo de comportamentos”.

Por último dende o Grupo Municipal Socialista agradecen aos veciños e veciñas de Ourense que correron a San Martiño que a súa participación “contribuísen a que esta proba manteña o seu carácter eminentemente popular”.