O PSDEG-PSOE PÍDELLE A JÁCOME QUE SE “POÑA AS PILAS” PARA OPTAR A SUBVENCIÓN DO GOBERNO CENTRAL QUE PERMITA A DIXITALIZACIÓN E MODERNIZACIÓN DO CONCELLO DE OURENSE
Os socialistas defenden a necesidade de afrontar unha “revolución tecnolóxica” no modelo de xestión municipal para axilizar o funcionamento dunha administración que consideran “lastrada”
Consideran “vital” que o Concello de Ourense se acolla a subvención no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que promove o executivo e que suporía unha achega de 393.002,95 €
Ourense, 19 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense pídelle ao goberno municipal da cidade que se “poña as pilas” para presentar un proxecto, co fin de obter unha subvención por parte do Goberno do Estado que permita a dixitalización e modernización do Concello. Os socialistas defenden a necesidade de afrontar unha “revolución tecnolóxica” no modelo de xestión municipal para axilizar o funcionamento dunha administración que consideran “lastrada” pola nula dixitalización dos seus servizos, así como “ralentizada e saturada” pola escaseza de persoal.
Dende o Grupo Municipal Socialista consideran “vital” que o Concello de Ourense se acolla a subvención no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que promove o executivo encabezado por Pedro Sánchez. O importe destinado para a transformación dixital e modernización das cidades galegas chega ata os 3,6 millóns de euros e a cidade de Ourense corresponderíalle unha contía de 393.002,95 euros. Unha subvención cuxo prazo remata o vindeiro 15 de decembro.
O PSdeG-PSOE de Ourense lembran que en agosto de 2020 levaron unha moción ao pleno municipal na que solicitaba o impulso á dixitalización do Concello de Ourense a través dun Plan de Modernización Tecnolóxica que contemple e promova o uso das TIC en todos os servizos do goberno local. A moción foi aprobada por unanimidade, pero tal e como sinalan os socialistas “ata agora nada se fixo como xa é costume durante este mandato”.
Os socialistas critican a política municipal do bigoberno de Jácome e o PP “baseada na precariedade evidente dos servizos municipais”, circunstancia que quedou de manifesto nos últimos con “colas permanentes e agardas insoportables que ten que padecer a cidadanía para acceder a servizos esenciais como son o rexistro ou o padrón” , cuxos “escasos” traballadores “non poden ir máis axiña porque os sistemas informáticos non llo permiten”.
Ante esta situación, dende o PSdeG-PSOE de Ourense apuntan a que é “imprescindible” non perder unha subvención que permitirá rematar cunha administración propia do “século pasado”. Finalizan afirmando que “nos tempos que corren precisamos unha administración pública electrónica que facilite o traballo dos funcionarios e permita á cidadanía acceder aos servizos esenciais a distancia de xeito doado, áxil e seguro; máis agora que a COVID-19 puxo de relevo a escasa capacidade do Concello de Ourense para adaptarse e responder aos retos desta nova realidade”.
Entre as prioridades marcadas polo Goberno central nesta liña de subvencións a entidades locales figuran: unha maior accesibilidade dos cidadáns e empresas a servizos públicos dixitais, a redución da fenda dixital, mellora da eficiencia e eficacia dos empregados públicos, o reemprego dos servizos e solucións dixitais construídas ou o emprego activo das tecnoloxías emerxentes que despreguen novos servizos dixitais. O obxectivo é que as entidades locais poñan en marcha un centro de operacións de ciberseguridade; unha administración orientada ao cidadán, desenvolvendo os tres servizos máis empregados en modo APP móvil ou a través dunha interface adaptable integrada na “miña carpeta cidadán” da AGE, operacións intelixentes ou o desenvolvemento e adaptación de servizos exentos de barreiras trasfronteirizas para cidadáns e empresas europeas.