O PSDEG-PSOE PROPÓN A MELLORA DO FUNCIONAMENTO DA CONCELLERÍA DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ PARA CONVERTER A VECIÑANZA DE OURENSE EN “PROTAGONISTAS” DA VIDA MUNICIPAL
Os socialistas piden que se dote de persoal suficiente a concellería, que se adecúe o marco normativo, que se mellore a tramitación e que se regule correctamente os orzamentos participados
Defenden que a participación cidadá “é un piar fundamental na sociedade avanzada”, pero salientan que no Concello de Ourense “fai tempo que o movemento asociativo sofre a desidia, a falta de apoio ou incluso o desprezo do goberno local”
Ourense, 27 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha moción, para o seu debate no pleno ordinario de decembro, na que instan ao Concello de Ourense a mellorar o funcionamento da concellería de participación cidadá, mediante a dotación de persoal suficiente, a adecuación do marco normativo, as melloras na tramitación orzamentaria e a correcta regulación dos orzamentos participados. Os socialistas instan a que se dote do persoal necesario a devandita consellería, “cubrindo as vacantes e baixas que se poidan producir e permitindo, deste xeito, a correcta atención aos veciños e veciñas”.
Dende o Grupo Municipal Socialista tamén apuntan a que o Concello de Ourense debe “activar de forma definitiva” a comisión de traballo para a reforma do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, tendo en conta que as primeiras reunións para a súa adaptación datan de febreiro de 2016. Outro dos puntos de acordo que propoñen os socialistas e “desenvolver” un plan de orzamentos “participativos real e efectivo” que permita ás entidades veciñais, de “forma regular”, aportar as súas opinións sobre o destino dos fondos.
O PSdeG-PSOE de Ourense defende que a participación cidadá “é un piar fundamental na sociedade avanzada”, pero salientan que no Concello de Ourense “fai tempo que o movemento asociativo sofre a desidia, a falta de apoio ou incluso o desprezo do goberno local”. Os socialistas apuntan aque dende 2015 “non paran de incrementarse as carencias básicas na área de participación cidadá tanto en axudas e subvencións, como na escaseza de medios humanos e materiais da concellería, desmantelada de persoal”.
Para o concelleiro socialista, Javier Rey, “é fundamental dotar de persoal suficiente a concellería, modificar con carácter de urxencia o regulamento orgánico de participación, cambiar a dinámica temporal de concesións, convenios e subvencións e establecer unha correcta regulación dos orzamentos participados”. O edil do PSdeG-PSOE tamén pon o foco en que nos últimos 6 anos, desde que se iniciaron as conversas para a modificación do regulamento orgánico de participación cidadá “sen que en ningún momento se empezara a tramitación e a reforma da mesma, a pesar de contar cun alto consenso político”.
Rey tamén pon de manifesto que “ano tras ano, os convenios coas asociacións veciñais estanse a pagar tarde e mal, convocándose a finais de ano e resolvéndose, cando se resolven, no último momento”. O concelleiro socialista tamén destaca que “seguiremos a denunciar a falta dun proxecto claro de orzamentos participativos, que de algunha maneira convertan a veciñanza de Ourense en protagonistas da xestión municipal, cando en moitos concellos da nosa contorna funciona este sistema cun éxito total dende fai moitos anos”.
Os socialistas tamén poñen o foco nas “constantes denuncias” do colectivo veciñal pola “nefasta” xestión da concellería, tal e como se puxo de manifesto no pleno, onde se destacou a situación de “asfixia” polo retraso no pago de subvencións, chegando as entidades federadas ao extremo de pedir préstamos para poder continuar co seu labor. Os socialistas finalizan apuntando que as eivas expostas “non son sorprendentes tendo en conta as continuas faltas de respecto dende a alcaldía ás asociacións de veciños e aos seus representantes, tal e como se viu no presente mandato, onde asistimos a situacións esperpénticas, chegando a escoitar denuncias dos colectivos veciñais ao actual rexedor, a quen acusaron de carácter totalitario e manifestaban estar cansos das manipulacións e de aguantar os insultos de xeito continuado ás súas entidades”.