O PSDEG-PSOE DE PEREIRO INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A QUE SE COMPROMETA A SOLICITAR A INSTALACIÓN DUNHA PASARELA PEONIL NA PRESA DE CACHAMUÍÑA PARA MELLORAR A SEGURIDADE
Os socialistas pídenlle ao goberno municipal que inste ao Concello de Ourense, a construción desta pasarela, que mellore a mobilidade e a seguridade viaria de peóns e vehículos que circulan a diario pola presa
Alertan que o aumento de visitantes, turistas e deportistas que visitan o encoro fai “imprescindible” a construción desta pasarela debido a que a presa é o único paso para dar unha volta completa ao encoro
Pereiro de Aguiar, 29 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar levará ao vindeiro pleno municipal, unha moción na que lle pide ao Concello que se comprometa a instar ao Concello de Ourense, titular da presa de Cachamuíña, a que instale unha pasarela peonil na presa de forma independente a estrada, que “mellore” a seguridade de peóns e vehículos e facilite a mobilidade. Os socialistas tamén lle solicitan ao goberno municipal que realice as xestións necesarias con outros organismos competentes como a Deputación Provincial para “buscar financiación” para a execución de dita pasarela.
Dende o Grupo Municipal Socialista fan fincapé en que para dar unha volta completa o encoro “temos unha única vía de paso para cruzar o embalse na zona da aparcadoiro, unha estrada unidireccional por riba da presa, pola que tamén circulan coches”. Os socialistas apuntan a que esta vía pola presa “é moi estreita”, motivo polo que “se dificulta a mobilidade dos peóns e ciclistas, en caso de paso de vehículos, situación que tamén supón un risco na seguridade viaria”.
Para a concelleira socialista, Luisa Dosantos de Jesús, a construción dunha pasarela suporía “un gran avance” en materia de “seguridade” o que “facilitará o tránsito dos peóns e coches, que aumentou de xeito notorio nos últimos tempos, froito da gran afluencia de camiñantes e deportistas no encoro cada día e especialmente nas fines de semana”. A edil tamén pon o foco en que a “estreiteza” da presa “dificulta moito o cruce en bicicleta ou cun carriño de bebé”, motivo polo que urxe a construción desta pasarela peonil.
Dosantos de Jesús fai fincapé en que nos últimos tempos “estase a fomentar” pola Deputación eo Concello, o uso lúdico do parque fluvial de Cachamuíña creado no ano 2008 pola Ministerio de Medio Ambiente. No mesmo, en consonancia co proxecto do grupo municipal socialista, aprobada por unanimidade no pleno do ano 2009, fixéronse “numerosas melloras, que se unen as que xa había” como son o parque biosaudable, o infantil, o de calistenia ou o parque da igualdade, ademais de inversions privadas como as cabanas “as casiñas do encoro”, que tamén atraen un forte volume de turistas. Ante este aumento do público e dos turistas, a concelleira socialista apunta a que “as melloras na mobilidade e seguridade viaria deben ir da man”, polo que lle traslada o concello que “se implique neste senso coa petición para construír a pasarela peonil”.