O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA O SÓLIDO COMPROMISO DO GOBERNO COA VARIANTE DO AVE TRALA ADXUDICACIÓN DOS DOUS PRIMEIROS TRAMOS ENTRE TABOADELA E SEIXALBO
“O Goberno de Pedro Sánchez cumpre o que promete e traballa para que a infraestrutura sexa realidade entre 2025 e 2026” porque “os quilómetros que restan serán licitados en poucos meses, destacan
“A variante recibía a impresentable cifra de 0 euros nos orzamentos de 2018, os últimos do PP”, advirten antes de recordar que o proxecto foi “deturpado e desprezado polo goberno de Mariano Rajoy”
Ourense, 1 de decembro de 2021. O PSdeG-PSOE “aplaude e celebra” a adxudicación dos dous primeiros tramos da liña de alta velocidade (LAV) ferroviaria entre Taboadela e a capital ourensá, coñecida como ‘variante de Ourense’, que realmente é o último tramo da LAV entre Madrid e Galicia. Hoxe foron adxudicados por 112 millóns os contratos para a construción dos subtramos Taboadela-Túnel de Rante e Túnel de Rante-Conexión Seixalbo, que suman 8 quilómetros, case a metade do total desta obra.
Os e as socialistas ourensáns salientan que a execución desta gran infraestrutura —o investimento do Estado máis importante da historia da terceira cidade de Galicia— só foi posible grazas a un goberno socialista. “A variante recibía a impresentable cifra de 0 euros nos orzamentos xerais do estado de 2018, os últimos do PP”, advirten antes de recordar que o proxecto foi “deturpado e desprezado polo goberno de Mariano Rajoy, trala súa suspensión sine die coa complicidade da Xunta e da Deputación que non dixeron esta boca es mía durante dúas lexislaturas”.
“Fronte a un PSOE que cumpre coa nosa veciñanza, o Partido Popular é un muro contra Ourense, levantado á forza polos seus cargos electos que aplaudían o desprezo e marxinación desta variante durante dúas lexislaturas”, advirten. “O Goberno de Pedro Sánchez cumpre o que promete e traballa para que a infraestrutura sexa unha realidade en 2025”, insisten.
Case 17 quilómetros que permitirán cambiar Ourense
Este tramo da nova liña entre Madrid e Galicia obtivo a declaración de impacto ambiental no ano 2011 e permitirá completar a LAV entre Taboadela e a estación Ourense-Empalme, mediante un novo trazado de 16,9 quilómetros con dobre vía, atravesando os municipios de Tabodela e San Cibrao da Viñas, e accedendo á terminal ferroviaria tras bordear a cidade polo leste. A obra permitirá liberar o percorrido que actualmente atravesa e divide o casco urbano.
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), a través de Adif Alta Velocidade, adxudicou o tramo Taboadela-Túnel de Rante á unión temporal de empresas (UTE) formada por Construcións Sánchez Domínguez Sando e Rover Infraestruturas por 83.443.980,59 euros (IVE incluído). Pola súa banda, o tramo Túnel de Rante-Conexión Seixalbo foi adxudicado a Rover Infraestruturas por 27.448.623,45 euros (IVE incluído).
Estes contratos comprenden as obras de plataforma, sendo obxecto doutros contratos posteriores a superestrutura (vía) e o resto das instalacións como a electrificación ou a sinalización. Ao longo dos próximos meses, o Goberno central prevé licitar as obras dos quilómetros que restan entre Seixalbo e a estación de Ourense.
Adif Alta Velocidade tamén adxudicou un contrato de consultoría e asistencia técnica para o control das obras do tramo Túnel de Rante-Conexión Seixalbo á UTE formada polas empresas Applus Norcontrol e Eptisa Servizos de Enxeñería por 1.573.000 euros (IVE incluído).
