IV congreso provincial O partido

A Executiva do PSdeG de Ourense define o calendario das primarias e o congreso

A COMISIÓN EXECUTIVA DO PSDEG-PSOE DE OURENSE DEFINE O CALENDARIO PARA A CELEBRACIÓN DAS PRIMARIAS E DO CONGRESO PROVINCIAL

O procedemento comezará o 17 de decembro co Comité Provincial no se que se deberá ratificar este calendario; seguirá coa votación á secretaría xeral e finalizará co Congreso en febreiro

A Executiva Provincial fixo balance do “mandato máis frutífero” da historia do partido e incidiu na necesidade de “manter o rumbo” para “avanzar” na “dirección que Ourense precisa”

Ourense, 14 de decembro de 2021. A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense vén de definir o calendario orgánico para as próximas semanas, co fin de proceder á celebración das eleccións primarias e do IV Congreso Provincial Ordinario, a  través da participación democrática de toda a militancia “para seguir a construír o mellor proxecto socialista ourensán”.

O procedemento comezará o venres 17 de decembro mediante a celebración do Comité Provincial, no se que se deberá debater e ratificar a proposta de calendario na que destacan datas como a presentación de precandidaturas (28 e 29 de decembro); a recollida e presentación de avais (do 30 de decembro ao 8 de xaneiro); a campaña de información (entre 12 e o 22 de xaneiro) e a proposta de candidaturas do 18 ao 21 de xaneiro.

A votación á secretaría xeral figura sinalada para o domingo 23 de xaneiro. No caso de ser precisa unha segunda volta, esta tería lugar o domingo 30 de xaneiro. Logo das xornadas de votación e ata a celebración do Congreso, haberá tempo para traballar no relatorio marco que fixará a orientación do proxecto para os vindeiros anos. O proceso finalizará co IV Congreso Provincial Ordinario, previsto na fin de semana do 19 e 20 de febreiro.

Os e as socialistas ourensáns seguirán a ser o “instrumento máis útil para traballar por todos os ourensáns, co fin de dar resposta aos seus problemas e para impulsar o presente e o futuro da provincia”, aseveran. Ao fío disto, a Comisión Executiva fixo balance da situación actual para destacar que “queren manter o rumbo” para “avanzar” no que “Ourense precisa”.

Durante a análise definiron o mandato como “o máis frutífero da historia do socialismo ourensán”. “Obtivemos os mellores resultados na capital ourensá, cunha das maiores porcentaxes de voto de toda España, e logramos que o PP e os restantes conservadores perdesen a maioría absoluta na Deputación Provincial por primeira vez na historia”, salientan.

Así pois, a Comisión Executiva Provincial concluíu confirmando a “necesidade” de que a nova formación resultante deste proceso democrático dos e das socialistas “continúe nesta mesma liña ascendente”, co fin de “manter o rumbo” para “avanzar por Ourense”.