A DEPUTACIÓN DE OURENSE APROBA POR UNANIMIDADE UNHA INICIATIVA DO PSOE PARA DEDICAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS A ANTÓN TOVAR
Elvira Lama resaltou que “a súa importancia como escritor radica en que foi un gran poeta”, que algúns expertos definen como “o poeta galego máis importante da segunda metade do século XX”
Os socialistas tamén tamén reclamaron que Deputación, Concello e Xunta de Galicia inicien os trámites necesarios para a creación dun museo na casa natal do autor en Rairiz de Veiga
Ourense, 17 de decembro de 2021. A Deputación Provincial de Ourense aprobou hoxe por unanimidade unha iniciativa do PSOE para dedicar o Día das Letras Galegas a Antón Tovar. Os socialistas impulsaron no pleno unha iniciativa para que a RAG dedique este día do ano 2023 ao escritor ourensán Antón Tovar. A proposta igualmente instaba a que o goberno provincial dea difusión, a través de todos os medios cos que conta a Deputación, desta candidatura. Durante o debate, a deputada, Elvira Lama, tamén reclamou que Deputación, Concello e Xunta de Galicia inicien os trámites necesarios para a creación dun museo na casa natal do autor en Rairiz de Veiga, logo de falar coa familia, que amosou a súa disposición para ceder o inmoble para este fin.
A deputada do grupo socialista resaltou que “a súa importancia como escritor radica en que foi un gran poeta”, que algúns expertos definen como “o poeta galego máis importante da segunda metade do século XX”. Tamén porque “ten unha destacada relevancia como autor de poesía, algo que non abonda na nosa literatura galega”.