O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMA Á DEPUTACIÓN E Á XUNTA QUE TOMEN AS MEDIDAS “OPORTUNAS” PARA RECUPERAR MEDIO AMBIENTALMENTE AS INSTALACIÓNS DE MANZANEDA
Os socialistas denuncian que, tres anos despois do remate das obras de innivación, o proceso de recuperación medio ambiental “non se levou a cabo” incumprindo coa declaración de impacto ambiental
Piden que se volva a integrar a Pobra de Trives e Manzaneda dentro do Consello de Administración de Meisa, que se saque a licitación a xestión da estación de montaña e respostas ás preguntas feitas
Ourense, 30 de decembro de 2021. O grupo provincial do PSdeG-PSOE de Ourense visitou esta mañá as instalacións da estación de montaña de Manzaneda para comprobar de primeira man, que o proxecto de innivación artificial rematado fai 3 anos e no que se investiron máis de 5 millóns de euros para a instalación de 29 canóns innivadores e a construción de dúas balsas con capacidade para 13.000 m3 e 25.000 m3 de auga, non cumpre coa declaración de impacto ambiental. Os socialistas reclaman á Deputación de Ourense e á Xunta de Galicia, como accionistas maioritarios de Meisa, que tomen as medidas “oportunas” para que este espazo sexa recuperado segundo a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
En dito proxecto marcábanse entre outras pautas, unhas recuperacións medio ambientais, que tal e como apuntan os socialistas “tres anos despois están sen facer”. No informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia considerábase viable a execución da obra de innivación sempre que nos movementos de terras, se preservase o horizonte orgánico superficial para a recuperación das zonas de desmonte e terraplén e que as zonas fosen revexetadas con materiais de preprodución propios da mesma procedencia local.
O PSdeG-PSOE de Ourense comprobou sobre o terreo que tanto as zonas perimetrais das balsas, como unha zona de aproximadamente unha hectárea, entre a pista denominada Paso Perdices e as pistas de Fontefría e Xabarín, atópase totalmente descuberta, coa súa superficie en forma do árido extraídos dos movementos de terras das obras, sen manto de terra vexetal e sen vexetación algunha, nun avanzado proceso de erosión. “Ademais depositouse un importante volume de rochas de gran tamaño no espazo situado entre a zona de pistas do Pluviómetro e a pista do Regato, supoñendo un perigo engadido para os esquiadores que circulen por esa zona”, afirman os socialistas.





Os socialistas tamén denuncian que se “incumpre” a protección fronte o cambio climático, xa que segundo o promotor da obra, para compensar as emisións previstas pola implantación do proxecto e a afección a zona arborada, debía levarse a cabo unha plantación de árbores no entorno da estación de montaña. “Deberían terse plantado 2 árbores por cada unha que se eliminou e nalgún punto do proxecto falábase de 1.000 árbores que non sabemos se están plantadas ou non, xa que preguntamos no último pleno ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, pero non obtivemos resposta”, indican dende o grupo provincial socialista.
Para o deputado provincial pola comarca de Valdeorras, Aurentino Alonso, ao tratarse dunha obra na que os promotores principais son organismos públicos, neste caso a Deputación e a Xunta, “deben cumprirse as pautas marcadas a nivel ambiental, algo que como vimos de comprobar non se cumpriu, entre outras cousas, porque esta recuperación non se levou a cabo”. O deputado do PSdeG-PSOE de Ourense reclama que se tomen as “medidas oportunas” para que a recuperación medio ambiental se leve a cabo “coa maior urxencia posible”.
Alonso destaca que “a 50 metros desta zona comeza a protección especial do Macizo Central, polo que a Xunta debe tomar medidas para solucionar esta problemática e cumprir co esixido polo departamento de control medio ambiental do organismo autonómico”. “Non pode ser que a Xunta teña un departamento no que se esixe unha protección medio ambiental e rexeneración vexetal da zona, e outro que non cumpra co que se está esixindo a hora de realizar a obra”.
Dende o Grupo Provincial Socialista tamén aproveitaron para esixirlle á Deputación de Ourense que volva a integrar aos concellos de A Pobra de Trives e Manzaneda no Consello de Administración de Meisa, do que foron expulsados despois de 40 anos presentes porque “eran incómodos nestes postos”. Os socialistas lembran que o alcalde e a alcaldesa destes dous concellos, nos que se asentan as instalacións da estación de montaña, “son os primeiros interesados en que a estación funcione”, motivo polo que apuntan que coa súa expulsión, “expulsan tamén a transparencia de Meisa”.
Os socialistas piden que se saque a licitación da xestión de Manzaneda a concurso público, xa que tal e como lembran, a xestión integral das instalacións “adxudicouse a dedo a Artabria Turismo, segundo a Deputación de Ourense coma unha solución de transición, e despois dun procedemento de licitación falido”. Piden tamén acceso ao expediente de innivación e a toda a documentación que levan anos solicitando sobre Meisa.