O PSDEG-PSOE DE OURENSE INSTA A QUE SE LICITE O NOVO CONTRATO DO TRANSPORTE URBANO E QUE SE PARALICE A COMPRA DE 40 AUTOBUSES, NA QUE JÁCOME AGOCHA “ESCUROS” INTERESES
Os socialistas acadan o apoio suficiente para aprobar a súa moción en defensa do Barbaña, tralo atentado ecolóxico levado a cabo polo concelleiro Jorge Pumar e que contou co voto en contra do PP
Tamén se aprobou a paralización da licitación das obras de humanización da rúa Concordia ao carecer da autorización preceptiva por parte da dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia
Ourense, 14 de xaneiro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense acadou os apoios suficientes durante a sesión plenaria de hoxe no Concello de Ourense para que se aprobasen as tres mocións que defendían, na que se instaba ao Concello á paralización da licitación das obras da rúa Concordia por carecer da autorización preceptiva por parte de patrimonio; que se protexera e recuperase o río Barbaña, trala tala indiscriminada e o atentado ecolóxico orquestrado por Jorge Pumar; e por último, unha moción na que esixían ao goberno municipal que se proceda á licitación urxente do novo contrato do servizo de transporte urbano colectivo e á paralización do procedemento de adquisición directa de 40 novos autobuses por 14 millóns de euros e iniciado de forma unilateral pola alcaldía e con grave risco de endebedamento das arcas municipais.
No relativo a compra de 40 autobuses, o Grupo Municipal Socialista defendeu que esta licitación feita por parte do goberno municipal, obedece a “escuros” intereses do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. Os socialistas volveron a amosar que a súa postura e a de defender que se saque a licitación o servizo de transporte urbano, con informes dos técnicos municipais, con pregos que inclúan a compra en función das necesidades da cidade e do interese público e que haxa unha planificación e non “caprichos” de Jácome. A iniciativa contou co apoio do BNG, o PP, e 3 non adscritos. Ciudadanos e Laureano Bermejo abstivéronse e Democracia Ourensana votou en contra.
A edil socialista, Natalia González Beneitez, destacou que o informe de intervención municipal “é demoledor” e no mesmo faise mención a que o expediente “armouse de maneira irregular e agora mesmo eses 14 millóns que costará esta nova flota, non se podería pagar por parte do Concello e suporía unha hipoteca para as arcas públicas desta cidade”. Lembrou tamén que o Partido Popular “votou en contra deste expediente en xunta de goberno local”, motivo polo que lle pediu aos populares que “non se poñan de perfil e actúen con demagoxia neste tema”. Para González Beneitez, esta forma de actuar de Jácome amosa que “hai un fondo moi escuro, moi perigoso e ante o que os socialistas non nos imos a quedar quietos” e subliña que “imos facer todo o posible por defender que a licitación sexa completa e se inclúa aí a flota, cos informes técnicos que teñan unha previsión real e efectiva e que non responsan as ocorrencias dun alcalde sen criterio”
Instamos ao Concello á paralización da licitación das obras de Concordia
O PSdeG-PSOE de Ourense conseguiu o apoio de BNG, CS e 3 concelleiros non adscritos na moción na que solicitaban que o goberno municipal paralizase con urxencia a licitación das obras de humanización da rúa Concordia ao carecer da autorización preceptiva por parte da dirección xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. O expediente de humanización da rúa na que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ten a súa vivenda, o seu negocio e varios baixos comerciais, foi licitado por un importe de 4.7 millóns de euros e no mesmo incluíase a instalación de sete ramplas mecánicas, a peonalización da rúa e unha plataforma única de árbores, luminaria e cámaras de tráfico para o control de acceso restrinxido.
A concelleira socialista, Natalia González Beneitez, destacou que “estamos ante un novo capricho do alcalde”, que pretende executar a humanización da “súa propia rúa” e que está cometendo “gravísimas irregularidades, cun comportamento irresponsable, ante a falta de informes clave para levar a cabo a licitación”. A vicevoceira municipal do PSdeG-PSOE de Ourense puxo o foco no informe “demoledor” de intervención e nesa falta de criterios de adxudicación, falta de transparencia e vulneración dos principios de igualdade na licitación, o que segundo as palabras da concelleira “é unha irresponsabilidade manifesta do alcalde, que quixo unicamente por ser a súa rúa, levar adiante este proxecto fora como fora, e a sabéndoas de que está saltando a legalidade”.
Impulsamos a recuperación do Barbaña trala desfeita de Pumar
No relativo a moción para a defensa, protección e recuperación do Río Barbaña e o seu entorno, o PSdeG-PSOE conseguiu o apoio de BNG e 3 non adscritos para que saíse adiante, a pesar do voto en contra do Partido Popular e da abstención de Democracia Ourensana e outro concelleiro non adscrito. Os socialistas reclamaban que se instase a Confederación Hidrográfica e a Consellería de Medio Ambiente a realizar unha inspección ambiental despois das actuacións levadas a cabo na cunca do río, ordenadas polo concelleiro popular, Jorge Pumar, quen levou a cabo un arboricidio e atentado ecolóxico na zona. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén reclamaban a redacción urxente dun plan de restauración e renaturalización das ribeiras do Barbaña, co fin de optar a convocatorias de subvencións dos fondos Next Generation.
O concelleiro Borja Trigás remarcou a “preocupación” dos socialistas pola “desfeita” levada a cabo no río Barbaña e requiriu que se aposte por “recuperar dunha vez por todas e devolverlle a Ourense o río Barbaña, dándolle o valor e autenticidade que merece”. O edil socialista apuntou tamén á necesidade de que “se leve a cabo un proxecto de renaturalización do río, porque hai que recuperar a biodiversidade, xa que hai moita flora e fauna que se levou por diante e hai que restaurar”. Trigás apuntou por último que o Goberno central abre un prazo de presentación de proxectos susceptibles de financiación por parte dos fondos Next Generation “nos que hai un apartado clave como é a revalorización da biodiversidade nos leitos fluviais”. Por este motivo reclamou que o Concello de Ourense presente un proxecto para optar a dita subvención.