GOBERNO ESTATAL SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Destacamos os beneficios do Bono Aluguer Mozo para milleiros de ourensáns

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA QUE O BONO ALUGUER MOZO É UNHA “OPORTUNIDADE” PARA QUE MILLEIROS DE OURENSÁNS POIDAN “EMANCIPARSE” E TER ACCESO A UNHA VIVENDA “DIGNA”

Xunto co Plan Estatal para o Acceso á Vivenda 2022-2025 son unha aposta do Goberno central cun carácter “eminentemente social”, xa que “prestan especial atención ás persoas e aos máis vulnerables”

Os socialistas lembran que Ourense “é unha provincia onde a mocidade marcha ante a falta de oportunidades dende a chegada dos Baltar” e pídenlle a Feijóo que “se poña a traballar polos galegos e as galegas en lugar de criticar e pór paus nas rodas”

Ourense, 21 de xaneiro de 2022.  O PSdeG-PSOE de Ourense afirma que o Plan Estatal Para o Acceso á Vivenda 2022-2025 e o Bono Aluguer Mozo permitirá a milleiros de ourensáns e ourensás acollerse a estas axudas para ter acceso a unha vivenda “digna” e fomentar a “emancipación” da mocidade. Trátase dunha aposta impulsada polo Goberno central cun carácter “eminentemente social”, xa que tal e como apuntan os socialistas ourensáns “presta unha atención especial as persoas, especialmente as máis vulnerables”. Nunha rolda de prensa celebrada na sede do partido, o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás; a deputada, Uxía Tizón; e o senador, Miguel Bautista, analizaron polo miúdo as “fortalezas” e os “beneficios” deste plan.

O Plan Estatal para o Acceso á Vivenda ten como principais obxectivos, segundo informaron os representantes do PSdeG-PSOE en Madrid, “prestar atención ás persoas en situación de desafiuzamento, posibilitar ás persoas sen fogar o acceso á vivenda, facilitar á mocidade o acceso ao desfrute dunha vivenda digna, mellorar a accesibilidade aos edificios e vivendas pensando nos maiores ou nas persoas dependentes, aumentar o parque público de vivenda, contribuír a manter a reactivación do sector ou reforzar a cooperación e coordinación interadministrativa, así como fomentar a corresponsabilidade na financiación e na xestión”.

Os representantes dos socialistas ourensáns nas Cortes tamén puxeron de manifesto que coa creación do Bono Aluguer Mozo, o Goberno “quere contribuír a que os mozos e mozas teñan unha axuda para facer fronte ao pagamento dos alugueres, posibilitando o acceso á vivenda e fomentando a emancipación para que poidan pór en marcha un proxecto vital propio”. Un bono ao que se poderán acoller persoas ata os 35 anos e nos que o importe máximo do aluguer da vivenda será de 600 euros (900 no caso de zonas con alugueres tensionados). A contía da axuda será de 250 euros ao mes e concederase por un prazo de 2 anos. Ademais unha vez aprobada terá efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2022.

O deputado do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, puxo de manifesto que o Plan Estatal para o Acceso á Vivenda 2022-2025 “centra os seus esforzos en axudas para incrementar a oferta de vivenda en aluguer e para que as persoas con menos ingresos poidan acceder ao uso e desfrute dunha vivenda en aluguer”. O representante dos socialistas ourensáns no Congreso tamén fixo fincapé en que o obxectivo deste plan “é seguir contribuíndo á mellora da accesibilidade das nosas vivendas, mediante axudas superiores as establecidas no Plan de Vivenda 2018-2021, así como impulsar a rexeneración e renovación, tanto urbana como rural, de zonas degradadas e ámbitos nos que aínda impera a infravivenda”.

Pola súa banda, a deputada no Congreso polo PSdeG-PSOE de Ourense, Uxía Tizón, destacou que o Bono Aluguer Mozo “servirá para que a mocidade da provincia de Ourense poida optar pola emancipación” e destacou que con data 1 de xullo de 2021 “había na provincia 45.917 persoas entre os 18 e os 35 anos”. A representante socialista no Congreso puxo o foco en que Ourense “é unha provincia gravemente prexudicada pola fuxida da mocidade ante a falta de oportunidades” e destacou a necesidade de “potenciar os atractivos da provincia con iniciativas como a do Bono Aluguer Mozo, para fomentar que a mocidade quede na provincia”. Tamén destacou que dende a chegada dos Baltar a Deputación de Ourense, “a provincia perdeu case 100.000 habitantes, nunha sangría demográfica nunca antes vista, debido a falla de políticas activas, de xeración de emprego e de oportunidades”.

Por último o responsable do PSdeG-PSOE de Ourense no Senado, Miguel Bautista, destacou que os Orzamentos Xerais do Estado para 2022 destinados a vivenda e axenda urbana “multiplican por 7 os investimentos dos gobernos do Partido Popular con Mariano Rajoy ao fronte, cunha partida orzamentaria que no caso da vivenda alcanza os 3.290 millón de euros, a maior da historia nesta materia”. O obxectivo, segundo apuntou, “é reverter o abandono co que durante anos se tratou as políticas de vivenda pública”. O senador ourensán tamén aproveitou para mandarlle un recado ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que lle pediu que “se poña a traballar porque o Goberno estanos sacando dunha crise histórica e non pode ser que o presidente da Xunta só se dedique a criticar e a pór paus nas rodas”.