Deputación de Ourense INICIATIVAS

Reclamamos a todos partidos ourensáns o seu apoio unánime á reforma laboral

O PSDEG-PSOE RECLAMARÁ AOS GRUPOS POLÍTICOS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE O SEU REFERENDO UNÁNIME Á REFORMA LABORAL PARA A “CREACIÓN DE EMPREGO ESTABLE E DE CALIDADE”

Os e as socialistas preguntan a conservadores e a nacionalistas se “van votar vergoñentamente en contra dun acordo histórico que une a patronal, sindicatos e Goberno central por primeira vez na historia”

“Esta moderna lexislación que nos sitúa á vangarda de Europa, será un pulo para a mellora do tecido económico e social de Ourense”, destacan desde o PSOE ourensano

Ourense, 26 de xaneiro de 2022 . O PSdeG-PSOE reclamará na Deputación de Ourense o referendo unánime á reforma laboral, para a creación de “emprego estable e de calidade” e para “atallar a precariedade e o desemprego”, co fin de “impulsar a senda de sólido crecemento actual”. A través dunha iniciativa que se debaterá no pleno provincial deste venres, instarán a todos os grupos políticos a apoiar esta lexislación “acordada unanimemente por primeira vez na historia entre os representantes dos empresarios e os traballadores e traballadoras”. Tamén demandarán expresamente o apoio para a “ultraactividade indefinida e a formación”, entre outros aspectos clave.

Os e as socialistas solicitarán a Partido Popular, Democracia Ourensana, BNG e á tránsfuga, Montse Lama, a contribuír co seu voto á “contratación indefinida fronte á temporalidade, a través do contrato indefinido e do fomento do contrato fixo descontinuo”, así como á “recuperación da negociación colectiva para aumentar os dereitos laborais”, permitindo reestablecer o equilibrio entre empresarios, empresarias e asalariados e asalariadas.

Desde o PSOE ourensán preguntan aos conservadores e aos nacionalistas da corporación provincial se “van votar vergoñentamente en contra dun acordo histórico que une a patronal, sindicatos e Goberno central por primeira vez na historia?”. “Dicir non a esta lexislación laboral é dicir non ao progreso das nosas empresas e de todas as persoas”, aseveran antes de recordar que o PSOE “defende o diálogo como ferramenta para alcanzar acordos como o logrado cos axentes sociais, por encima das ideoloxías e do fanatismo partidista”, o que permite “avanzar cara a unha recuperación xusta e que España siga crecendo”.

O grupo provincial socialista asegura que “estamos a demostrar con feitos que se pode saír das crises reforzando o patrimonio común do Estado do Benestar” e “non recortando como sucedeu cos gobernos da dereita”. “Con esta reforma avanzamos en dereitos laborais e melloras salariais, pero non devaluando as nóminas dos traballadores e traballadoras, como fixo o PP hai unha década”, insisten antes de salientar a “exemplaridade actual no uso dos recursos públicos e non a corrupción ou os acordos unánimes de agora e non as contrarreformas a dedo de antes”.

Os e as socialistas piden a todas as forzas políticas da provincia que “apoien este novo marco normativo pois, de non facelo, quedaremos co que tiñamos aprobado sen acordo polo goberno de Mariano Rajoy no ano 2012 e as súas lamentables consecuencias”. “Esta moderna lexislación que nos sitúa á vangarda de Europa, será un pulo para a mellora do tecido económico e social de Ourense”, destacan.

O PSdeG-PSOE recorda que estamos ante “un éxito do conxunto do Goberno e dos axentes sociais, que traballaron incansablemente, con reunións diarias e varios ministerios implicados, para modernizar o mercado laboral, algo imprescindible para afrontar o cambio de modelo produtivo”. “Trátase dun éxito de país”, insisten tras recordar que “homologa o marco das nosas relacións laborais con Europa, cumprindo tamén cos compromisos coa Comisión Europea para acceder aos fondos de reestruturación”.

“Trátase de crear un marco laboral adaptado ao século XXI, que permita reducir a taxa de temporalidade, reforzar o emprego de calidade e ofrecer seguridade xurídica ás empresas e empregados” e, ao mesmo tempo, “cumprir cun compromiso adquirido coa Comisión Europea para lograr o seu aval para recibir os fondos públicos, no marco do plan impulsado pola Unión Europea para a recuperación económica e social trala pandemia da Covid-19”, conclúen os e as socialistas.