Unha vez satisfeitas as demandas reclamadas pola veciñanza para que a parcela conte cunha zona verde, o PSdeG-PSOE de Ourense decidiu votar a favor do cambio de uso do chan da parcela, posibilitando a construción da residencia de maiores que a Fundación Amancio Ortega levará a cabo na antiga estación de autobuses
O PSdeG-PSOE de Ourense posibilita a construción da residencia de maiores do Pino, que executará a Fundación Amancio Ortega, despois de que a Xunta de Galicia escoitase as reivindicacións da veciñanza, que reclamaban unha zona verde e a construción dunha senda. Satisfeitas estas demandas veciñais, os socialistas votaron a favor do proxecto, desbloqueando a construción dunha infraestrutura “clave” e “necesaria” para a cidade. Os socialistas esgrimiron que “é o tempo dos acordos e non das diatribas”.
Durante a súa intervención, o voceiro do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, afirmou que os socialistas “fomos en todo momento da man da veciñanza”, apuntando que durante a presentación “a veciñanza amosábase leda de que tomaramos esta decisión, que ademais garante unha das súas reclamacións, que a parcela conte cunha zona verde”. Pese a todo o líder dos socialistas ourensáns afeoulle á Xunta de Galicia “non ter nas súas mans o proxecto ou o anteproxecto”, pero sinalou que “ao igual que os veciños e veciñas confiamos na palabra dada”.
Rodríguez Villarino aproveitou tamén para destacar que “todos puxemos o mellor de nós” e resaltou que “ninguén está en contra desta residencia, posto que é unha infraestrutura necesaria e que tamén se construirá no resto de grandes cidades galegas”. O edil socialista tamén aproveitou para lembrar que “a palabra dada á veciñanza ten que respectarse” e salientou que “os informes xurídicos son favorables, pero ben é certo que nas conclusións destaca a falta dun anteproxecto”. Por último, o voceiro socialista reafirmouse en que a decisión “tomámola pola veciñanza, xa que no seu momento pediron que nos interesásemos por se a parcela ía contar cunha zona verde e unha vez confirmada a mesma, pedíronnos que nos unísemos, polo que ten que quedar claro que nos representamos á veciñanza, a ninguén máis”.