O PSDEG-PSOE CELEBRA O COMEZO DAS OBRAS DA VARIANTE DO AVE DE OURENSE GRAZAS AO PULO DO GOBERNO CENTRAL TRALOS “PAUS NAS RODAS” DO PP PARA “TORPEDEAR” ESTA OBRA
“As obras están a executarse grazas ao árduo traballo técnico e político de gobernos socialistas, fronte a un PP que foi unha trituradora de investimentos para Ourense”, denuncian os socialistas
Os subtramos nos que comezaron os traballos son os comprendidos entre Taboadela e Seixalbo e ao longo dos próximos meses está prevista a licitación da obra restante ata a estación de Ourense
Ourense, 22 de febreiro de 2022. O PSdeG-PSOE aplaude o comezo das obras do tramo da liña de alta velocidade (LAV) entre Taboadela e capital ourensá –coñecido como variante de Ourense– grazas ao pulo do Goberno central de Pedro Sánchez, tralos “incontables paus nas rodas” postos polos anteriores executivos do PP para “torpedear” e “tombar” esta obra clave. Os traballos deste tramo, o último da liña troncal galega, xa comezaron cos movementos de terra na contorna do cambiador de Taboadela.
“As obras están a executarse grazas ao árduo traballo técnico e político de gobernos socialistas, fronte a un PP que foi unha trituradora de investimentos para a provincia”, denuncian os e as socialistas. “O Partido Popular é un muro contra o progreso de Ourense”, aseveran antes de recordar como “o executivo de Rajoy parou obras, tombou trámites administrativos e chegou a tapiar túneles”. “Fronte a este pulo dos socialistas, un exministro de Fomento do PP incluso cuestionou a obra” co “silencio cómplice e vergoñento dos cargos populares da provincia que aplaudían aquel vergoñento ataque”.
“A variante é o investimento máis importante da historia da terceira cidade de Galicia”, destacan desde o PSOE. “O único que fixeron entre 2011 e 2018 foi recortar prestacións técnicas e cuestionar a súa necesidade” co “aplauso de Feijóo e Baltar”. “Os populares son os responsables máximos de que estas obras estiveran en barbeito, paralizadas, sen cartos e ao borde do precipicio da cancelación durante tantos anos”, insisten.
O último tramo da nova liña ferroviaria entre Madrid e Galicia obtivo a declaración de impacto ambiental en 2011 gobernando o PSOE e permitirá completar a LAV, mediante un novo trazado de 16,9 quilómetros con dobre vía, atravesando os municipios de Tabodela, San Cibrao da Viñas e Ourense e accedendo á estación da capital polo leste.
Os subtramos nos que xa comezaron as obras son os comprendidos entre Taboadela e Seixalbo e comprenden a execución da plataforma, sendo obxecto doutros contratos posteriores a superestrutura (vía) e o resto das instalacións como a electrificación ou a sinalización. Ao longo dos próximos meses está prevista a licitación das obras dos quilómetros que restan entre Seixalbo e a estación de Ourense, cuxos proxectos están a ser ultimados.







Os traballos inclúen a integración do ramal de conexión coa liña de ancho convencional antes da estación de Taboadela e unha nova conexión da plataforma de alta velocidade coa liña convencional en Seixalvo. Entre as estruturas singulares destacan dous grandes viadutos sobre os ríos Miño e Lonia ou un túnel baixo Montealegre.