O PSDEG-PSOE RECLAMA A CREACIÓN DE DÚAS UNIDADES MÉDICAS DE REFERENCIA NAS PROVINCIAS DE OURENSE E PONTEVEDRA PARA A DIAGNOSE E TRATAMENTO DA SILICOSE
“Os rexistros indican que Ourense concentra o maior número de casos de todo o Estado desta enfermidade e das súas derivadas, cunha incidencia moito maior que León e Asturias”, destacan os socialistas
Tamén piden un programa integral sobre a silicose coa participación das consellerías de Emprego, Sanidade e Industria, no que se inclúa formación, protocolos de actuación e control e investigación
O Barco de Valdeorras, 23 de febreiro de 2022. O PSdeG-PSOE reclama a creación de dúas unidades médicas de referencia en Galicia para o tratamento da silicose, xa que na actualidade os afectados e afectadas deben desprazarse ata Asturias para obter unha atención especializada. Concretamente reclaman á Xunta á creación de “dúas unidades de referencia” dentro da rede pública do Servizo Galego de Saúde –unha en Ourense e outra en Pontevedra– para a “diagnose, detección, valoración, seguimento e tratamento”.
Igualmente, a través desta iniciativa que se debaterá na Deputación de Ourense e que xa foi elevada ao Parlamento de Galicia, instan á posta en marcha dun “programa integral sobre a silicose” coa participación das consellerías de Emprego, Sanidade e Industria, no que se inclúa “formación; protocolos de actuación, control e investigación”. Os e as socialistas cren clave a participación consensuada de todos os actores: sindicatos, patronal, ISGA, servizos de prevención e mutuas, INSS, TGSS ou sociedades científicas.
Tamén demandan a implantación no Hospital Comarcal de Valdeorras dunha “unidade de pneumoloxía, coordinada coa do hospital de referencia da provincia, para o seguimento periódico de doentes”, debido á elevada incidencia de casos nesta comarca. Desde o PSdeG-PSOE tamén piden ao goberno provincial que manifeste publicamente o “compromiso de defender os intereses da veciñanza”, esixindo á Xunta o cumprimento destas necesidades.
A presenza desta enfermidade en Galicia está relacionada coas actividades extractivas da lousa e pedra, cunha prevalencia máis notable nas comarcas do sur de Lugo, Valdeorras e no Porriño. No informe ‘Novos casos de silicose no sector da pizarra’ realizado polo Instituto Nacional de Silicose (INS), obsérvase con claridade a evolución a peor no número de casos detectados durante a década que abarcou o estudo, pasando de 14 no 2008 a 126 no 2018.
Os e as socialistas destacan que “os rexistros que manexa o INS indican que Ourense concentra o maior número de casos de todo o Estado desta enfermidade e das súas derivadas, cunha incidencia moito maior que León e Asturias”, polo que consideran “imprescindible” e “perentorio” mellorar a atención médica na nosa provincia. Recordan que a maior parte dos traballadores e traballadoras son remitidos a Oviedo “grazas ás xestións realizadas, de xeito gratuíto, polos sindicatos”, o que “deberíamos evitar para mellorar notablemente a calidade da atención destes doentes”.






Desde o PSdeG-PSOE reclaman ao Goberno galego e ao bipartito da Deputación que “cumpran canto antes” o acordado unanimemente polo sector. “Son demandas moi xustas e necesarias”, insisten. E que, ante o agravamento da situación, cunha multiplicación por dez no número de casos e afectando a persoas cada vez máis mozas, os empresarios, empresarias e o sindicato UGT, asinantes do convenio colectivo da lousa para os anos 2020-2023, incluíron un “evidente compromiso”.
“As partes firmantes do presente convenio, comprométense a instar ante as administracións pertinentes da Xunta de Galicia a creación dun centro de referencia ou organismo similar de ámbito galego, para a diagnose, detección, valoración, seguimento e tratamento da silicose, para os traballadores e traballadoras do sector da Lousa”, sinala o texto publicado no DOG en 2021.
O grupo provincial socialista recolle pois esta “necesaria reivindicación” realizada dos sindicatos e a patronal, trasladada en firme ao convenio colectivo, co fin de “mellorar a atención”, “evitar traslados de traballadores e traballadoras ata Oviedo, debido aos custes económicos e persoais que iso supón” e dada a “incidencia do problema na nosa comunidade autónoma”, especialmente en Valdeorras e no interior da provincia de Pontevedra.
A silicose é unha enfermidade que non ten cura e que afecta ao sistema respiratorio pola inhalación mantida da sílice cristalina, vinculada desde tempo atrás ás actividades de minería, xerando inflamación e fibrose e podendo chegar a provocar unha insuficiencia respiratoria grave.