O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA A SÚA PRIMEIRA COMISIÓN EXECUTIVA PROVINCIAL EN CASTRELO DE MIÑO ONDE SE APELOU AO “DIÁLOGO” CO FIN DE “FORTALECER” O PARTIDO E A PROVINCIA
Os socialistas celebrarán as vindeiras executivas en diferentes puntos da provincia porque este “é un partido que está a carón da xente e vai ser o reflexo destes 4 anos, percorrendo cada recuncho da provincia”
Rafa Villarino manifestou que “as persoas que estamos na executiva e os demais compañeiros e compañeiras do partido, debemos estar xuntos para transformar esta provincia clientelar e, por iso, imos conseguir a primeira deputación socialista da historia de Ourense”
Ourense, 5 de marzo de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar esta mesma mañá a súa primeira Comisión Executiva Provincial, que nesta ocasión tivo lugar no concello ourensán de Castrelo de Miño. Os socialistas desprazáronse ata esta localidade ourensá para amosar o seu apoio a agrupación local, que segundo manifestaron “está a realizar unha gran tarefa na loita contra o caciquismo e o transfuguismo”. A intención é celebrar as vindeiras executivas en diferentes puntos da provincia porque tal e como afirmaron “este é un partido que está en continuo movemento, a carón da xente e vai ser o reflexo destes 4 anos, percorrendo cada recuncho da provincia”.
Trala clausura do 4º Congreso Provincial no que Rafa Villarino, vencedor das últimas eleccións primarias, foi proclamado secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense por segundo mandato consecutivo, os socialistas celebraron a súa primeira Comisión Executiva Provincial. A mesma tivo como orde do día a constitución da nova Comisión Executiva Provincial (CEP); procedeuse a lectura do informe do IV Congreso Provincial por parte do secretario de organización, Diego Alonso de Abel; tamén o secretario xeral procedeu a dar traslado do informe sobre o congreso; e por último, houbo tempo para rogos e preguntas.


O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, apelou ao “diálogo” co fin de “fortalecer” o PSdeG-PSOE. Tamén afirmou que a nova executiva “é de todos e de todas porque somos servidores do partido pero sobre todo da cidadanía” que “está a agardar por nós”. “As persoas que estamos na executiva e os demais compañeiros e compañeiras do partido, debemos estar xuntos para transformar esta provincia clientelar e, por iso, imos conseguir a primeira deputación socialista da historia de Ourense e imos gobernar no concello de capital”, proclamou. “Imos a seguir nas rúas para convencer e emocionar ás persoas de que hai unha alternativa”, insistiu.
“Imos a traballar en equipo” proclamou o líder socialista quen tamén destacou que “non vale para nada dicir o que imos facer” xa que o importante é “como o imos facer”. “Hai que facer que este territorio teña futuro” e os e as socialistas ourensáns “temos unha responsabilidade” porque “sufrimos moito pola situación na que se atopan o concello e a deputación”. “Temos que ter unha visión ampla entre todos os concellos, todas as provincias e toda Europa”, dixo Villarino antes de sinalar que esta nova executiva “vai traballar unida” para que “a xente convencida de que se poden cambiar as cousas se una a nós”.
“O PSdeG-PSOE de Ourense é un partido unido e hoxe neste congreso quedou amplamente demostrado”, insistiu antes de pedir a todos e todas os socialistas da provincia “que arrimen o ombreiro” para “colaborar cunha visión longa” que permita á veciñanza “seguir a confiar en nós”.