O PSDEG-PSOE DE A VEIGA DENUNCIA QUE O ALCALDE DO PP NON CONVOCOU O PLENO ORDINARIO DE FEBREIRO POR MOR DA “RUPTURA TOTAL” DE RELACIÓNS CO SEU TENENTE DE ALCALDE
Os socialistas afirman que a relación entre alcalde e tenente de alcalde “é nula” e que a man dereita do rexedor chegou a votar en contra dos orzamentos de 2022 en discrepancia polos proxectos “megalómanos” de Juan Rodríguez Anta para A Veiga
O voceiro do PSdeG, Fernando Fernández, destaca que todo “é froito de anos de desgoberno e da ausencia dun proxecto para o municipio, máis aló de megalomanías sen repercusión para a veciñanza”
A Veiga, 7 de marzo de 2022. O PSdeG-PSOE de A Veiga denuncia que o alcalde do Partido Popular, Juan Anta Rodríguez, incumpre “sistematicamente” o acordo plenario do 19 de xullo, que lle obriga a convocar os plenos ordinarios os últimos venres dos meses pares do ano. Os socialistas denuncian que o pasado 25 de febreiro debería terse celebrado o pleno ordinario correspondente, pero non tivo lugar sen que dende o grupo de goberno municipal se dera ningún tipo de información ao respecto.
Segundo denuncian dende o grupo municipal socialista “xa é a terceira vez no mandato que o alcalde incumpre un acordo plenario sen xustificación algunha”. Unha situación que para os socialistas non só “é preocupante”, senón que amosa “unha falta de respecto total tanto á oposición, como a institución municipal e os veciños e veciñas de A Veiga”.
A pesar da falta de “aclaracións públicas” por parte do rexedor, dende o PSdeG-PSOE de A Veiga teñen claro que os motivos de non convocar este pleno veñen orixinados pola “mala relación” entre o alcalde e o tenente de alcalde, que a súa vez e tamén voceiro do grupo do Partido Popular no Concello. Segundo relatan os socialistas “xa hai tempo que non hai entendemento entre ambas partes, polas múltiples discrepancias nas formas de gobernar que ten o alcalde”.
O voceiro do PSdeG-PSOE no municipio, Fernando Fernández Yáñez, explica que o tenente de alcalde, Vicente Lameiro Alonso, “ao igual que eu mesmo, estamos fartos de proxectos megalómanos do señor Anta e non compartimos este xeito de gobernar”. Por este motivo, produciuse no municipio unha “ruptura total” entre o alcalde e a súa man dereita. Discrepancias que tal e como relata o edil socialista “tiveron o seu punto álxido durante a aprobación dos orzamentos para o presente ano, nun pleno celebrado o pasado 30 de decembro e no que o propio tenente de alcalde votou en contra dos orzamentos”.
Para Fernández Yáñez a situación que se vive na Veiga “é froito de anos de desgoberno e desleixo e da ausencia dun proxecto para o municipio, máis aló de proxectos vendidos a bombo e platillo nos medios de comunicación e que non teñen ningunha repercusión na veciñanza”. O concelleiro socialista destaca que o pleno do 30 de decembro “supuxo a ruptura total entre Anta e Lameiro, xa que o propio alcalde desautorizou ao seu tenente de alcalde e voceiro, ao non permitirlle exercer como tal e privándolle da opción de tomar a palabra para falar sobre os orzamentos”.
Os socialistas consideran que este “é o motivo real de que o alcalde non convocase o pleno ordinario de febreiro”, xa que tal e como explican o rexedor “ten medo de volver a atoparse co voto en contra do seu propio tenente de alcalde”. Ante esta situación dende o PSdeG-PSOE de A Veiga explican que “ao non existir razóns que impidan a celebración do pleno ordinario, esixímoslle ao rexedor que ordene sen máis dilación a convocatoria do mesmo”. Tamén advirten a Juan Anta que de “persistir na súa actitude verémonos na obriga de recorrer a instancias superiores para facer que se cumpra a Lei”.