O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESIXE COÑECER SE O PROXECTO DO CIRCUÍTO DE BICICLETAS ANUNCIADO POR JÁCOME PARA O PARQUE 25 N ESTÁ CONSENSUADO COA VECIÑANZA E É VIABLE
Os socialistas teñen claro que “estamos ante un novo proxecto aboado dende as arcas municipais, no que se deixa de lado o consenso veciñal e no que non queda claro a viabilidade de execución”
“Todo está enfocado na campaña electoral do alcalde neste último ano de mandato, no que vende fume e continúa co despilfarro de cartos públicos, sen un rumbo claro, nin proxecto global para o desenvolvemento urbano da cidade”, afirman
Ourense, 22 de marzo de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense esixe coñecer se o proxecto anunciado polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, para o parque 25N está consensuado cos veciños e veciñas da zona e se é viable a súa execución. O rexedor anunciaba o pasado sábado que o Concello de Ourense impulsaría a construción dun gran circuíto ciclista de habilidades de 5.000 m2, co obxectivo de revitalizar e ter un maior aproveitamento do parque do 25 de novembro no paseo fluvial do Miño.
Dende o Grupo Municipal Socialista teñen claro que “estamos ante un novo proxecto aboado dende as arcas municipais e no que se deixa de lado o consenso veciñal”. Os socialistas tamén salientan que “está por ver a viabilidade da súa execución, como ocorreu noutros casos como son o anteproxecto de soterramento de Concepción Arenal ou o parque acuático do Campo da Feira, que a día de hoxe non se poden executar”.
Os socialistas apuntan a que os “caprichos” de Jácome, con cargo aos fondos municipais, “obvian o procedemento de funcionamento da administración local e deixan de lado a opinión da veciñanza”. Para o PSdeG-PSOE na cidade de Ourense todo está enfocado “na campaña electoral do alcalde neste último ano de mandato, no que vende fume e continúa co despilfarro de cartos públicos, sen un rumbo claro, nin proxecto global para o desenvolvemento urbano da cidade”.
O PSdeG-PSOE de Ourense vén de solicitar de maneira “urxente” que se facilite copia do proxecto de construción do circuíto de bicicletas (Pump Track & Bike Skill Park), encargado polo alcalde para o Parque 25-N de Reza. Os socialistas pedirán que se dea conta na próxima xunta de área de urbanismo do vindeiro mércores sobre “cal foi o custe de dito proxecto, por que se encargou sen ter garantida a súa viabilidade de execución, se o proxecto está consensuado e polo tanto a veciñanza esta informada, por que se modificou a idea inicial de que fora un parque de educación vial e se o PP está de acordo cos seus socios de goberno”.
A vicevoceira socialista no Concello de Ourense, Natalia González Beneitez, lembra que “estamos ante unha das zonas verdes máis extensas e importantes da nosa cidade, cuxa primeira fase se desenvolveu no anterior mandato, cando se nomeou como Parque 25N, en lembranza de todas as vítimas de violencia de xénero”. Ante esta circunstancia, a concelleira socialista remarca que “calquera actuación, no ámbito que vén de anunciar o alcalde, debería contar co respaldo institucional e veciñal de cara ao seu futuro encaixe no espazo urbano e no entorno fluvial de Ourense, algo que non acontece con este proxecto de circuíto de bicicletas”.
González Beneitez expón que o proxecto “se encargou sen saber aínda se era viable a súa construción”. Unha circunstancia que considera “moi grave”, pero que “non sorprende, xa que vén sendo a forma de actuar do alcalde nestes anos de mandato”. Todo isto vén a colación do anuncio de Jácome no que avanzaba que enxeñeiros do Concello de Ourense solicitaríanlle un informe a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para poder realizar o proxecto de construción do circuíto de bicicletas, “o que amosa que o alcalde vai por libre e non segue os procedementos habituais”, apunta a edil socialista.
Os socialistas tamén lembran que o propio goberno municipal, a través do tenente de alcalde, Armando Ojea, propuña fai uns meses e avanzaba as xestións realizadas para que neste parque se situase o novo parque infantil de tráfico. “Descoñecemos o por que deste cambio de criterio e tamén a postura do Partido Popular ante este anuncio, xa que o responsable de medio ambiente é Jorge Pumar”, finalizan dende o Grupo Municipal Socialista.