Denuncias Deputación de Ourense

Esiximos á Deputación de Ourense que deixe de vetar o acceso de medios e público aos plenos

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE A DEPUTACIÓN “SECUESTRA OS PLENOS” AO MANTER VETADO O ACCESO DOS MEDIOS E DE CALQUERA PERSOA QUE NON SEXA DEPUTADO OU DEPUTADA

Os socialistas consideran “incomprensible” manter este formato cando outros parlamentos xa non teñen restricións ou trala supresión de corentenas e probas acordada pola Comisión de Saúde Pública

O PSOE reclama unha “solución” a este “peche” do máximo órgano democrático da provincia e agarda que esta decisión “non teña outras razóns ocultas” de “difícil e cuestionable fin”

Ourense, 25 de marzo de 2022. O PSdeG-PSOE denuncia que a Deputación de Ourense pretende “secuestrar os plenos” da institución, ao manter vetado o acceso ás sesións dos medios de comunicación e de calquera persoa que non sexa deputado ou deputada. Os e as socialistas consideran “incomprensible” que Manuel Baltar e os responsables de saúde laboral da institución, manteñan este “peche democrático” do máximo órgano de representación provincial, a pesar da eliminación das restricións de aforo noutras institucións como o Parlamento de Galicia ou o Congreso. “Todos os restantes actos da institución estanse a realizar abertamente e sen limitacións de aforo”, sinalan.

De feito, salientan que a dúas últimas sesións carecen, na súa convocatoria, de informe técnico algún que xustifique esta decisión unilateral. “Non entendemos cal é a razón para manter este formato no que se expulsa do pleno á sociedade”, insisten antes de recordar a circunstancia prevista na Lei 7/1985 Reguladora das Bases do Réxime Local, na que se determina que estas sesións, con carácter xeral, deben ser públicas e abertas á veciñanza.

Por iso, desde o grupo provincial socialista “esixen” ao goberno provincial de PP e Democracia Ourensana, así como aos responsables de saúde da institución, que “deixen de vetar os plenos” para “retomar a normalidade” na súa celebración. “É incomprensible que, tras aprobar a Comisión de Saúde Pública a eliminación das corentenas aos positivos en Covid-19 ou que só farán probas diagnósticas ás persoas con síntomas graves, a Deputación continúe a impor o mesmo formato para as sesións plenarias que o acordado durante o peor da pandemia”, advirten. O PSOE reclama unha “solución” a este “peche” do máximo órgano democrático da provincia e agarda que esta decisión “non teña outras razóns ocultas” de “difícil e cuestionable fin”.