Concello de Ourense Denuncias

Comunicado conxunto de PSOE, BNG e Cs sobre manobras do goberno de Ourense para impedir o control e a fiscalización

OS GRUPOS DA OPOSICIÓN DENUNCIAN A OPACIDADE E AS MANOBRAS DO GOBERNO LOCAL DE OURENSE PARA IMPEDIR O LABOR DE CONTROL E FISCALIZACIÓN

En protesta polo que consideran unha tomadura de pelo abandonaron esta mañá a xunta de área de urbanismo, infraestruturas, educación, promoción economica, artes e festexos, contratación e persoal ante a falla de respostas ás múltiples preguntas formuladas ao longo destas semanas e a incomparecencia, reiterada, das concelleiras delegadas

Ourense, 29 de marzo de 2022. PSdeG-PSOE, BNG e Cs decidiron abandonar esta mañá a xunta de área de urbanismo por mor da falla reiterada de información e ante a ausencia reiteradas das concelleiras con competencias delegadas.

Esta actitude obstruccionista do labor fiscalizador da oposición vai na liña contraria ao expresado polo alcalde á Valedora do Pobo, coa que se comprometera por escrito a dar a información solicitada e pendente ao longo do pasado mes de xaneiro.

Luis Seara, Pepe Araújo e Natalia González explican as manobras do goberno local para impedir a fiscalización

Xurden varias interrogantes ante as ausencias reiteradas de concelleiras con competencias delegadas. Por qué Sonia Ogando non comparece, xusto neste momento no que o debate urbanístico e as diferenzas entre os socios de goberno está máis latente que nunca? Por qué non se da unha soa resposta das áreas que xestiona directamente o alcalde como por exemplo na de cultura, agora rebautizada en artes e festexos?

A oposición é consciente de que a xunta de área de urbanismo, na que tamén se inclúen infraestruturas, educación, promoción economica, artes e festexos, contratación e persoal, non é operativa nin funcional, motivo pola cal xa se ten demandado en reiteradas ocasións a reformulación da mesma.