EMIGRACIÓN POLÍTICA PROVINCIAL

Novos retos para os actores municipais da provincia coa chegada de refuxiados de Ucraína

A SECRETARÍA PROVINCIAL DE MIGRACIÓNS DO PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA QUE OS ACTORES MUNICIPAIS DA PROVINCIA ATÓPANSE ANTE “NOVOS RETOS” COA CHEGADA DE REFUXIADOS

Os socialistas destacan que a poboación galega “está moi afeita a coñecer o mundo da emigración e do exilio e está a responder ante esta emerxencia, mostrando a súa disposición a axudar”

Luís Gulín explica que os concellos “enfróntanse agora á tarefa de permitir que os novos veciños e veciñas se integren rapidamente en todas as áreas da vida cotiá”

Ourense, 2 de abril de 2022. A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense destaca que os actores municipais da provincia de Ourense atópanse ante “novos retos e desafíos” coa chegada dun gran número de mulleres e os seus fillos que buscan refuxio debido á guerra en Ucraína. Os socialistas destacan que a poboación galega “está moi afeita a coñecer o mundo da emigración e do exilio e está a responder ante esta emerxencia provocada pola guerra, mostrando a súa disposición a axudar”.

O secretario provincial de migracións, Luís Gulín, afirma que os actores públicos e privados “están exhibindo un alto compromiso de apoio ás persoas que chegan” e sinala que “aínda que a gran maioría dos refuxiados desexan regresar as súas casas canto antes, pódese supor que isto non será posible en curto prazo”. Neste senso, Gulín explica que os actores municipais “enfróntanse agora á tarefa de permitir que os novos veciños e veciñas se integren rapidamente en todas as áreas da vida cotiá”.

Dende a secretaría provincial de migracións do PSOE ourensán tamén subliñan que os municipio galegos “son capaces de integrar á inmigración dun gran número de persoas, como xa quedou patente no seu momento coas guerras nos Balcáns, Afganistán ou Siria”.Gulín subliña que “as experiencias de aprendizaxe daqueles anos contribuíu tamén a que os municipios estean hoxe máis preparados que entón para facer fronte a desgraza humanitaria”. Pese a todo, o secretario provincial de migracións apunta a que os desafíos para proporcionar a todos os refuxiados un aloxamento adecuado, darlles a coñecer o noso idioma, proporcionar gardarías e prazas escolares adicionais ou buscar ás persoas postos de traballo “son inmensos”. Nesta liña tamén destaca que “a integración a través dos concellos debe desenvolverse e ter os recursos adecuados para promover de forma máis sustentable a integración e a participación dos refuxiados”.