O PSDEG-PSOE VOLVE DENUNCIAR ANTE A VALEDORA DO POBO A “TRAMA” DE OCULTACIÓN DE INFORMACIÓN DO BIGOBERNO DE PP E DO, QUE SEGUEN SEN DAR RESPOSTAS A CENTOS DE PREGUNTAS
Os socialistas afirman que o alcalde “incumpre” o seu compromiso do 10 de xaneiro, cando se comprometía ante a Valedora a “axilizar as respostas a ditas solicitudes de información, pero non fixo nada”
Critican que o “bloqueo” de información e a “falta de transparencia” apropiáronse do consistorio municipal da man de Pérez Jácome e das súas “artimañas escurantistas e antidemocráticas, coas que busca evitar a fiscalización e esconderlle á cidadanía a súa xestión”
Ourense, 5 de abril de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de denunciar, novamente, ante a Valedora do Pobo a “trama de ocultación de información” do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que segue sen dar resposta as centos de preguntas e solicitudes de información feitas polos socialistas na xunta de área de Urbanismo e Infraestruturas, Educación, Promoción Económica, Cultura, Contratación e Persoal. Os socialistas afirman que o alcalde “incumpre” o seu compromiso do 10 de xaneiro de 2022, cando se comprometía ante a Valedora a “axilizar as respostas a ditas solicitudes de información”, das que ata o momento non houbo resposta.
Dende o Grupo Municipal Socialista veñen de presentar, a través de rexistro, unha nova carta con documentación adxunta para a Valedora do Pobo, na que explican que transcorridos os meses de xaneiro, febreiro e marzo, o alcalde de Ourense “non só non procedeu a responder as solicitudes pendentes, tal e como se comprometía na súa misiva a Valedora, senón que nestes últimos meses tampouco respondeu a novas preguntas, polo que o volume de preguntas sen responder aumentou xa a máis de 200, tal e como constan nas actas posteriores desta xunta de área”.
Os socialistas no Concello de Ourense denuncian que o “bloqueo” de información e a “falta de transparencia” apropiáronse do consistorio municipal da man de Pérez Jácome e critican as “artimañas” do rexedor para evitar a “fiscalización” e privar aos grupos da oposición e a cidadanía de información e datos de “vital relevancia” para a cidade. Dende o PSdeG-PSOE na cidade acusan a Jácome de “pisotear” a obriga legal de transparencia que teñen os executivos de dar respostas tanto á oposición como a cidadanía, tras os pertinentes requirimentos de información.
O voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, afirma que “nunca se coñeceu unha época tan antidemocrática, escurantista e con tanta falta de transparencia como a do actual mandato” e denuncia que “PP e DO non están a facilitar información aos grupos da oposición, e polo tanto tamén lla están a negar á cidadanía”. O líder dos socialistas ourensáns explica que durante a xunta de área celebrada esta mañá, “o concelleiro, Armando Ojea, trasladou que non hai ningunha novidade, nin información que facilitar, e a responsable da área de urbanismo, Sonia Ogando, nin tan sequera apareceu”.
Villarino esíxelle ao bigoberno de PP e DO que “devolva a democracia ao Concello de Ourense e que se convertan nun goberno municipal no que haxa transparencia e información aos grupos políticos” e sinalou que “esta situación de bloqueo e antidemocrática ten que rematar xa”.
Dende o PSOE ourensán lembran que xa o pasado 2 de decembro remitiron unha carta á Valedora do Pobo na que pedían a súa “mediación e amparo ante a reiterada falta de transparencia e obstrución a labor da oposición por parte do actual equipo de goberno na cidade de Ourense, e nomeadamente do alcalde, Pérez Jácome”. A Valedora procedeu en base a solicitude dos socialistas á apertura do expediente de queixa N.9Q/9876/21 o 16 de decembro, que foi respondido por alcaldía o 10 de xaneiro, alegando que existía “certa demora e que procederían a axilizar as respostas”.
Ante a falta de respostas por parte do bigoberno e coa situación “crítica” que se vive neste senso, xa que non hai “expectativas de mellora a curto prazo”, os socialistas volven a pedir a “intervención urxente” da Valedora do Pobo para pór solución dunha vez a esta situación “gravísima de bloqueo e falta total de transparencia por parte do máximo responsable da xestión da cidade de Ourense”.