EMIGRACIÓN POLÍTICA PROVINCIAL

A secretaría provincial de migracións continúa a rolda de sesións informativas sobre a declaración da renda por varios concellos da provincia

A SECRETARÍA PROVINCIAL DE MIGRACIÓNS FINALIZA A PRIMEIRA ROLDA DE SESIÓNS INFORMATIVAS SOBRE A DECLARACIÓN DA RENDA AS QUE ASISTIRON MÁIS DE 120 PERSOAS

Un dos puntos de maior debate foi o chamado 5% á Facenda alemá polas pensións dese país, onde se explicou a casuística, casos prácticos de exención e o procedemento para solicitar a devolución

O secretario provincial de migracións, Luís Gulín, continuará despois de Semana Santa coas sesións informativas en Vilar de Barrio, Trasmiras, Riós e na cidade de Ourense

Ourense, 11 de abril de 2022. A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense finalizou a primeira rolda de sesións informativas sobre a declaración da renda para o colectivo de emigrantes retornados. Ás reunións celebradas en Xinzo de Limia, Verín, Oímbra e O Barco de Valdeorras asistiron ao redor de 120 persoas, principalmente retornados de Alemaña, contando tamén coa presenza de persoal de xestorías e asesorías das zonas, que aproveitaron para tomar nota do que se falou de cara a súa labor profesional..

O secretario provincial de migracións, Luís Gulín, puido constatar que existe un déficit de información no tema da aplicación da  última sentenza do TEAC (Tribunal Económico Administrativo Central) do ano 2021. “Esta recoñece aos que cobran exclusivamente pensións estranxeiras que os gastos sociais, que se restan anualmente a estas prestacións para ter asistencia sanitaria en España, son agora gastos deducibles”, sinalou o secretario provincial de migracións dos socialistas ourensáns.

Luís Gulín remarcou, unha vez máis, que “aínda se pode rectificar a declaración da renda 2017 antes do 30 de xuño, sempre que o seu resultado final fose pagar,  incluíndo agora estes gastos deducibles, que no seu momento non foron aplicados na declaración da renda”. No relativo aos anos fiscais 2018-2019, aínda se poden facer ao longo do ano se aínda non se dispoñe da documentación acreditativa.

Outro dos puntos do debate foi o chamado 5% á Facenda alemá polas pensións dese país. Luís Gulín explicou a casuística, casos prácticos de exención e de estar obrigados a tributar e o procedemento para solicitar a devolución por dobre imposición internacional ante a Facenda española. Finalmente explicouse brevemente como solicitar ante o seguro de dependencia de Alemaña a prestación económica correspondente.

O secretario provincial de migracións continuará despois de Semana Santa coas sesións informativas en Vilar de Barrio, Trasmiras, Riós e na cidade de Ourense.