POLÍTICA PROVINCIAL

Censuramos os ataques de Jácome contra xornalistas e esiximos ao PP que deixe de amparar esta situación

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CENSURA UNHA VEZ MÁIS OS INDIGNOS ATAQUES E INSULTOS DE JÁCOME CONTRA XORNALISTAS

Ourense, 20 de abril de 2022. O PSdeG-PSOE censura os indignos ataques e desprezables insultos que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o seu partido-empresa, Democracia Ourensana (DO), volveron verter hoxe contra xornalistas. Ante estas reiteradas e antidemocráticas arremetidas, esíxelle ao Partido Popular que deixe de amparar de inmediato, a un rexedor que acosa constantemente a medios de comunicación e xornalistas.

Os e as socialistas manifestan todo o seu apoio ao xornalista da edición ourensá do xornal Faro de Vigo, que hoxe foi sinalado con nomes e apelidos nas redes sociais de DO, ao igual que fixo con empregados e empregadas de La Región, Telemiño ou Radio Ourense Cadena SER que, anteriormente, tamén se viron salpicados polos estrafalarios exabruptos e faltas de respecto de Jácome, baixo o silencio cómplice do PP.

Esta inaudita situación, causada por manifestacións, xestos e mensaxes impropias dun representante público, deben recibir o rexeitamento máis contundente de calquera demócrata, posto que os medios de comunicación son un dos piares da nosa democracia. Desde o PSdeG-PSOE queremos unha cidade sen insultos, chantaxes ou mentiras e recordamos, unha vez máis, que está na man do PP de Ourense parar esta desfeita que desprestixia ao consistorio da terceira cidade de Galicia.