concellos Denuncias

Os socialistas de Leiro denuncian que as axudas a autónomos e hostaleiros chegan tarde e cunha cantidade insuficiente

O PSDEG-PSOE DE LEIRO DENUNCIA QUE AS AXUDAS A AUTÓNOMOS E HOSTALEIROS CHEGA “TARDE, MAL E ARRASTRO” E REDÚCESE AOS 10.000 EUROS, CANTIDADE QUE CONSIDERAN “INSUFICIENTE”

Os socialistas afirman que “tras 2 anos de agarda, un deles dende que se asumiu o compromiso de habilitar esta liña de axudas, chegan os recortes dun alcalde despreocupado polos problemas da veciñanza”

O voceiro do PSdeG-PSOE, Manuel Rodríguez, pregúntase “se esta é a forma que ten o alcalde de Leiro de preocuparse pola veciñanza, demorando axudas, ignorando os problemas da xente e optando pola deixadez e o abandono”

Ourense, 5 de maio de 2022. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia que a concesión de axudas por parte do Concello aos autónomos, hostaleiros e pemes do municipio chega “tarde, mal e arrastro”, tras dous anos de agarda. Os socialistas critican que o alcalde do Partido Popular, Francisco José Fernández, reduza as partidas a 10.000 euros, cando anunciou fai xa dous anos unha axuda de 15.000 euros, cantidade que en palabras dos progresistas é “insuficiente” e non cumpre as demandas do sector.

Dende o grupo municipal socialista de Leiro critican a “tardanza” e a “demora” na elaboración das bases destas axudas que tiñan o obxectivo “protexer e dar soporte económico de forma directa ao sector hostaleiro, as persoas traballadoras por conta propia ou autónomos e as pemes para minimizar o impacto durante a pandemia”. Os socialistas afirman que “tras dous anos de agarda, un deles dende que se asumiu o compromiso de habilitar esta liña de axudas, chegancos recortes dun alcalde despreocupado por completo dos problemas dos afectados e afectadas polos peches de negocios”.

Dous anos despois do inicio da pandemia e con data do 4 de abril de 2022, o concello de Leiro na xunta de goberno local extraordinaria acordou a aprobación do proxecto programa de subvencións para o sector da hostalería, restauración e turismo rural do municipio de Leiro, pola situación provocada pola COVID-19. Neste senso, os socialistas apuntan que “atopámonos con outra sorpresa, xa que na xustificación de destino do importe da axuda a gastos inherentes á actividade, funcionamento e mantemento da empresa ou actividade aos interesados non poden presentar facturas ou xustificantes de pago dos gastos realizados dende o comezo da pandemia, en marzo de 2020, senón tan só do ano 2021, o que supón outro agravio para os afectados e afectadas”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, considera que o alcalde “da as típicas escusas de mal pagador”, xa que tal e como apunta “alegou que a falta de tempo e medios e incluso chegou a dicir que estaba esperando resposta da mancomunidade do Ribeiro, cando el mesmo é o presidente”. O edil socialista tamén relata que “namentres noutros concellos como Boborás aprobáronse estas liñas de axudas fai 2 anos, en Leiro estivemos agardando, cun alcalde que ignoraba os problemas da veciñanza, e máis preocupado por acaparar cargos, que por buscar solucións e mellorar a calidade de vida da cidadanía de Leiro”. Tamén apunta que as bases das axudas “son un copia e pega das de Boborás, o que demostra que o alcalde non tivo ningún interese en elaboralas correctamente e atendendo as demandas específicas do municipio”.

Rodríguez Vázquez tamén afirma que “a chegada dun novo secretario/interventor ao noso municipio axilizou a tramitación das axudas, o que pon de manifesto a ineptitude do alcalde para sentarse a elaborar unhas bases que eran de vital importancia para a nosa veciñanza”. O voceiro do PSdeG-PSOE tamén se pregunta se “esta é a forma que ten o alcalde de Leiro de preocuparse pola veciñanza, demorando axudas, ignorando os problemas da xente e optando pola deixadez e o abandono”.

Os socialistas lembran que en marzo de 2021, xa ofreceron a súa “colaboración” para confeccionar as bases das axudas, pero segundo apuntan “o alcalde ignorounos por completo”. Tamén sinalan que en maio de 2020, “realizamos varias propostas a través de rexistro electrónico para que o Concello tivese en conta ante o peche dos negocios e o cese da actividade e desta forma colaborar e axudar a nosa veciñanza nun momento dramático e duro”.