Deputación de Ourense INICIATIVAS

Baltar convoca, obrigado polo PSOE, un pleno extraordinario para condenar a Jácome, o alcalde agresor

BALTAR CONVOCA, OBRIGADO POLO PSDEG-PSOE, UN PLENO EXTRAORDINARIO NA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA CONDENAR E REPROBAR A AGRESIÓN DE JÁCOME A UNHA MULLER

Será o mércores 25 de maio, grazas a que os nove deputados e deputadas socialistas asinaron a solicitude para tratar esta agresión no único plenario onde o alcalde agresor e Baltar están xuntos

O pleno debaterá a dimisión e reprobación do alcalde e deputado que “agrediu verbal e fisicamente a unha muller, nunha actitude violenta, impropia dun representante dos veciños e veciñas e ás institucións”

Ourense, 12 de maio de 2022. Manuel Baltar vén de convocar, obrigado polo PSdeG-PSOE, un pleno extraordinario na Deputación de Ourense, co fin de condenar a agresión de Jácome a unha muller na Praza Maior da terceira cidade de Galicia. A sesión terá lugar o mércores 25 de maio –dous días antes da ordinaria– ás 10 horas cun único punto na orde do día: “reclamar a dimisión inmediata do alcalde da capital, Gonzalo Pérez Jácome, a súa reprobación e a condena rotunda desta Corporación pola súa agresión a unha muller durante unha concentración”.

De conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 7/1985, de bases do réxime local, os nove deputados e deputadas socialistas asinaron a solicitude, constituíndo así o mínimo esixido de un cuarto do total de membros do pleno para a convocatoria dunha sesión extraordinaria. Deste xeito, o  grave asunto será tratado no único plenario onde o alcalde agresor e Baltar, o seu padriño e apoio máximo, están xuntos.

O grupo socialista destaca que “sucedeu un fito inédito na política española”, cun alcalde que “agrediu verbal e fisicamente cun golpe inusitado e un empurrón a unha muller ás portas da Casa do Concello, nunha actitude violenta, impropia para un alcalde que representa aos veciños e veciñas e ás institucións”. “Non se poden chegar a normalizar e moito menos permitir, baixo ningún concepto na sociedade na que vivimos, estas actitudes”, insisten.

“A gravidade dos feitos fala por si mesma, ao igual que a responsabilidade das organizacións políticas que, sistematicamente, miran cara outro lado ante o que non son, en ningún caso, acontecementos illados”, advirten os e as socialistas en referencia directa ao PP, que sostén cos seus votos a este alcalde agresor, a súa vez, deputado provincial na Deputación presidida por Baltar. “Non debe ser tolerada nin un minuto máis esta situación”, advirten.

Mediante as propostas de acordo que buscan un referendo do pleno provincial do que o propio agresor forma parte, o PSdeG-PSOE pretende “garantir as liberdades e a seguridade física de todas as persoas; o respecto máximo á cidadanía e a normalidade e cordialidade institucional que en Ourense se dilapida sistematicamente desde que o PP decidiu colocar á fronte da alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome”.

Deputados e deputadas provinciais do PSdeG-PSOE

Estes son todos os puntos de acordo que Partido Popular, PSOE, Democracia Ourensana, Bloque Nacionalista Galego e a deputada tránsfuga deberán debater e votar neste pleno extraordinario:

  • A Corporación da Deputación Provincial de Ourense condena rotundamente a agresión física e verbal do alcalde de Ourense e deputado provincial, Gonzalo Pérez Jácome, a unha muller, Lola Panero, no decurso da concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital o día 3 de maio de 2022 e traslada todo o seu apoio e respecto á agredida.
  • A Corporación da Deputación Provincial de Ourense reproba ao alcalde de Ourense e deputado provincial, Gonzalo Pérez Jácome, por agredir física e verbalmente a unha muller, Lola Panero, que o día 3 de maio de 2022 se manifestaba nunha concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital ourensá, por ser un feito absolutamente intolerable e antidemocrático.
  • A Corporación da Deputación Provincial de Ourense solicita a dimisión inmediata do alcalde de Ourense e deputado provincial, Gonzalo Pérez Jácome, ante a gravidade dos feitos acontecidos o día 3 de maio de 2022 ás portas do Concello de Ourense, onde agrediu física e verbalmente a unha muller, Lola Panero, que se manifestaba nunha concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital ourensá, por ser un feito absolutamente intolerable e antidemocrático.
  • A Corporación da Deputación Provincial de Ourense solicita ao Partido Popular e, nomeadamente, ao seu presidente provincial, José Manuel Baltar e ao seu presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, a inmediata retirada de calquera tipo de apoio ou acordo político ou institucional, a Gonzalo Pérez Jácome e a súa formación, Democracia Ourensana, ante a gravidade dos feitos acontecidos o día 3 de maio de 2022 ante o Concello de Ourense, onde agrediu física e verbalmente a unha muller, Lola Panero, que se manifestaba durante unha concentración motivada pola folga indefinida convocada no servizo de transporte urbano da capital ourensá.
  • A Corporación da Deputación Provincial de Ourense traslada o seu apoio aos traballadores e traballadoras do servizo de transporte urbano de Ourense na defensa dos seus dereitos laborais, así como na reivindicación dos mesmos.