concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Viana instan á creación dun aparcadoiro público a carón da Praza Maior para mellorar a mobilidade

O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO INSTA AO CONCELLO Á CREACIÓN DUN APARCADOIRO PÚBLICO A CARÓN DA PRAZA MAIOR DO MUNICIPIO ANTE A AUSENCIA DE ESPAZOS PARA ESTACIONAR

Os e as socialistas mantiveron contactos coa propietaria dunha finca, situada a carón da praza e que amosou a súa “dispoñibilidade” a colaborar, tras escoitar a proposta do PSdeG-PSOE

O obxectivo en palabras do PSOE vianés “é mellorar a mobilidade no centro de Viana e que tanto a veciñanza como os turistas e visitantes dispoñan de facilidades para poder estacionar os seus vehículos e rematar, deste xeito, coa odisea que supón aparcar no municipio”

Viana do Bolo, 19 de maio de 2022. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno do vindeiro 26 de maio na que insta ao Concello a creación dun aparcadoiro público a carón da Praza Maior do Municipio. Os socialistas argumentan que a vila adoece de espazos onde poder estacionar os vehículos cando a veciñanza e os visitantes acoden a realizar xestións nas dependencias municipais, nas oficinas bancarias ou a mercar no comercio e tendas locais. O obxectivo é atopar un lugar para estacionar os vehículos o “máis preto posible” de onde se atopan os principais servizos utilizados pola veciñanza.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Viana destacan que “preocupados” pola “penosa” imaxe que presenta a Praza Maior, “ateigada” de vehículos que “non respectan” as ordenanzas municipais, vendo a “incomodidade” para que isto supón para os peóns e pensando en “facilitar” o día a día da xente que se achega a realizar xestións, decidiron estudar a “mellor e máis viable solución para esta problemática”. Os socialistas mantiveron contactos coa propietaria da coñecida como “finca do Jesusín”, que segundo apuntan “podería encaixar perfectamente na proposta que levamos ao pleno, xa que se atopa a carón da Praza Maior, conta con varias entradas e saídas e as súas dimensións permiten acoller a unha gran cantidade de vehículos”.

Nos contactos mantidos coa propietaria desta finca, os socialistas destacan que “temos que subliñar a boa acollida e atención que nos dispensou nas varias conversas mantidas, ademais da súa dispoñibilidade a colaborar, situación que temos que agradecer”. Neste senso dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo explican que tamén se tratou “a posibilidade de utilizar o acceso a dita finca pola casa popularmente coñecida coma Julia, que se atopa nos soportais da Praza Maior e que, no seu día, foi arranxada e tapiada polo consistorio, cando se emborrallou e ante a dificultade de atopar aos herdeiros”.

Os socialistas consideran que esta solución “permitiría acceder dende a praza e estacionar os vehículos a carón da mesma”. Ademais, segundo argumentan “hai máis accesos a dita finca, contando cunha entrada pola rúa da Costa da Galega e outra máis ao comezo da estrada da rúa, onde se sitúa a casa de Amadeo”. Os socialistas avogan porque se “estude” a solución “máis axeitada” para promover actuacións semellantes as levadas a cabo en concellos como Verín ou O Barco de Valdeorras que “optaron por estes aparcadoiros que están resultando moi beneficiosos tanto para a veciñanza como para os propietarios”.

Dende o PSdeG-PSOE de Viana e ante a “boa dispoñibilidade” da propietaria a cesión de dita finca para a creación de dito aparcadoiro instan ao pleno a “dar comezo ás conversas con dita dona da finca para negociar os termos da cesión ou arrendamento, así como proceder ao estudo dos accesos”. Os socialistas tamén propoñen que se lle oferte, “coma compensación a cesión”, a exencións dos tributos vinculados a finca e dependentes do Concello, tales como IBI e outras cargas tributarias. Neste senso, tamén piden que o Concello “asuma o acondicionamento da finca para convertela en aparcadoiro e dos accesos que se acorden”.

Segundo denuncian dende o PSOE vianés a situación na Praza Maior “é caótica xa que é frecuente atopar vehículos enriba das beirarrúas, o que provoca que os transeúntes teñan que subirse aos portais para evitar aos vehículos, como acontece na rúa das Mazairas”. Os socialistas apuntan a que “circular polo centro da vila é unha auténtica odisea” e critican que non se cumpra a ordenanza existente que prohibe estacionar na Praza Maior e noutras rúas ao carón na fin de semana en inverno, e no período estival tódolos días a partir das 20 horas, ademais das fins de semana. Apuntan a que “é de todos coñecido que esta ordenanza non se respecta e dende o Concello tampouco se fai nada para que sexa aplicada”.