O PSDEG-PSOE DE PEREIRO INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A MELLORAR E AMPLIAR OS PARQUES INFANTÍS DO MUNICIPIO ANTE O AUMENTO DA DEMANDA POR PARTE DAS CRIANZAS
Os socialistas argumentan que o actual número de parques e o estado dos mesmos “non da servizo suficiente ” a cantidade de cativos e cativas que residen no municipio preto dun milleiro, ou que o visitan
Jorge Gutiérrez, sinala que “temos que seguir mellorando a rede de parques infantís, xa que cada vez son máis os nenos e nenas que queren facer uso dos mesmos e en moitos casos non poden, debido a ausencia de máis elementos de xogo”
Ourense, 20 de maio de 2022. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar vén de rexistrar por escrito unha solicitude na que insta ao goberno municipal á mellora, ampliación ou creación de novos parques infantís no municipio. Os socialistas argumentan que o actual número de parques, o seu tamaño ou equipamento “non da servizo suficiente” a gran cantidade de cativos e cativas que residen no municipio, ou que o visitan coas súas familias, por exemplo ao encoro de Cachamuiña.
Dende o Grupo Municipal Socialista explican que Pereiro de Aguiar “aumentou a súa poboación e conta nestes intres con preto de 1.000 nenos e nenas en idades ata os 15 anos, así como o número de visitantes con menores”. Os socialistas apuntan a que o número de habitantes “segue medrando”, motivo polo que argumentan que “nese crecemento poboacional e de turismo é fundamental que se preste unha atención especial aos cativos e cativas, cada vez máis numerosos no municipio”.
O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar insta ao goberno municipal a unha mellora “integral” dos distintos parques infantís do municipio, a que se proceda a instalación de “novos e máis elementos, con deseños actuais, acordes coa contorna e necesidades e das idades” e a que se mellore a “accesibilidade” nos parques, coa instalación de elementos de xogos “adaptados” para os nenos e nenas con discapacidade ou diversidade funcional, tales como columpios adaptados, ou de cores fortes e xogos sensoriais para aquelas crianzas con “dificultades visuais”.



O voceiro do PSdeG-PSOE en Pereiro de Aguiar, Jorge Gutiérrez, sinala que “temos que seguir mellorando, ampliando e adaptando nosa rede de parques infantís, xa que, cada vez son máis a cantidade de nenos e nenas que queren facer uso dos mesmos». O edil socialista considera que o goberno municipal “debe facer unha aposta decidida por mellorar estas infraestruturas, xa que nalgúns casos quedáronse obsoletas e noutros á veciñanza reclama a instalación de máis e mellores elementos de xogo”.
Gutiérrez tamén pon o foco na “necesidade” de “traballar” na inclusión real e “eliminando barreras para unha accesibilidade universal” sen discriminación dos nenos e nenas con diversidade funcional. Neste senso sinala que o municipio “ precisa estudar e mellorar a accesibilidade dos parques infantís, e instalando elementos de xogo que sexan adecuados para as crianzas con diversidade”, lembrando que no ano 2009, o seu grupo presentou un Estudo da situación e propósitos de mellora de todos os parques infantís no municipio.
Os socialistas amósanse críticos co gasto levado a cabo polo goberno municipal, lembrando que fai un ano, xa denunciaron a instalación de cubertas nos parques infantís en varias urbanizacións xa que segundo argumentan “gastáronse máis de 100.000 euros nestes elementos, que non dan demasiado servizo polo seu deseño, cando o que se precisaba era que se dotase os parques de máis e mellores elementos de xogo”. O voceiro socialista apunta a que veciñanza “reclama estas melloras, motivo que nos levou a presentar dita solicitude, co fin de dar resposta a estas reclamacións e tamén para que os nenos e nenas de Pereiro conten cunhas instalacións infantís de ocio acordes coas necesidades e tempos actuais”