concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Viana piden medidas urxentes para solucionar o lamentable estado da estrada de Edroso

O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO BUSCA APOIOS PARA IMPULSAR MEDIDAS “URXENTES” CO FIN DE ARRANXAR A ESTRADA DE EDROSO, QUE PRESENTA UN ESTADO “DEPLORABLE”

Os e as socialistas sinalan que as “fochancas son numerosas” e que estas supoñen un “grave” perigo para os usuarios e usuarias desta vía de comunicación, pola que transitar “é toda unha odisea”

Instan ao goberno municipal a realizar as labores de mantemento “oportunas”, proceder a unha modificación de crédito para unha actuación “integral” e arranxar as “numerosas” fochancas e buracos

Viana do Bolo, 24 de maio de 2022. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo defenderá unha moción no pleno do vindeiro xoves, día 26 de maio, na que insta ao goberno municipal a tomar medidas “urxentes” para arranxar a estrada de Edroso. Os socialistas critica o seu “deplorable” estado o que provoca que o tránsito de vehículos sexa “dificultoso” e pon en perigo aos usuarios e usuarias da vía, debido as numerosas fochancas e o “pésimo” estado do firme.

Dende o Grupo Municipal Socialista esíxenlle ao Concello de Viana do Bolo que proceda a realizar as labores de mantemento “oportunas” para que esta estrada presente un “bo” estado. Tamén instan ao goberno municipal a proceder a aprobación dunha modificación de crédito, con cargo ao remanente de tesourería, para facer unha “achega que permita un tratamento integral da estrada”.

Os socialistas tamén destacan entre os puntos de acordo da moción que no caso que non se considere un tratamento integral da estrada, se opte, “polo menos”, por proceder ao “arranxo” das numerosas fochancas e buracos esixentes, xa que tal e como argumentan dende o PSOE vianés, “co paso do tempo, a problemática aumentou, o que dificulta máis se cabe a circulación de vehículos por esta estrada”.

Dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo agardan que “non aconteza o mesmo” que coa estrada de Santo Agostiño, da que sinalan “pensamos que ía ser un triste recordo o seu mal estado, pero a día de hoxe é un vergoñento presente, pois aínda non se procedeu a unha actuación integral que recupere esta vía de comunicación”.

A estrada de Edroso, de titularidade municipal, é unha vía de comunicación que une a capital do municipio con varias aldeas do concello, como son Edroso, Santo Estevo, Quintela de Edroso ou San Martiño. “Trátase polo tanto dunha vía de comunicación que conta con un tránsito de vehículos importante”, sinalan os socialistas, que tamén destacan que “presenta un estado de abandono importante, supondo un risco para a circulación e dificultando os desprazamentos dos veciños e veciñas que a utilizan a diario ou con frecuencia”.

Segundo apuntan dende o PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, o tramo entre Edroso e Quintela de Edroso “presenta unha perigosidade máxima, xa que as fochancas, nalgúns casos, ocupan a totalidade do ancho da estrada”. Os socialistas tamén afirman que a choiva e as xeadas “incidiron de maneira importante no deterioro desta vía, xa que pequenos buracos remataron por converterse en xigantescas fochancas”.