EMIGRACIÓN POLÍTICA PROVINCIAL

Suíza xa non require o envío dun certificado de fe de vida aos emigrantes retornados

A SECRETARÍA PROVINCIAL DE MIGRACIÓNS INFORMA Ó COLECTIVO DE RETORNADOS DE SUÍZA QUE ESTE PAÍS XA NON REQUIRE O ENVÍO DUN CERTIFICADO DE FE DE VIDA AOS EMIGRANTES

Dende á area de migracións tamén indican que de agora en diante, a seguridade social española “comunicará directamente cada mes as informacións relativas a se a persoa está viva ou faleceu”

“Con este importante acordo entre Suíza e España normalízase unha práctica moi habitual de colaboración entre a seguridade social e os organismos equivalentes ao resto de países da UE”, apunta Gulín

Ourense, 17 de xuño de 2022.  A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense informa que a seguridade social española e as caixas suízas de compensación (CSC) acordaron o intercambio de información sobre os preceptores de pensións suízas en España.

Os e as socialistas ourensáns sinalan que moitos retornados do país alpino xa están a recibir cartas do CSC informándolles que aos beneficiarios dunha prestación do seguro de vellez e sobreviventes (SVS) e do seguro de invalidez (SE), xa non se lles vai a requirir o envío dun certificado de fe de vida. Este documento, até hai pouco, había que presentalo para a súa validación ante o Concello ou o rexistro civil do lugar de residencia do retornado de Suíza.

O secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín, fai fincapé en que este trámite durante a pandemia “ocasionou múltiples problemas ao colectivo de emigrantes retornados de Suíza, ao non poder achegarse, en moitos casos, ás oficinas correspondentes, xa que se atopaban pechadas ou só operaban telematicamente”. Neste senso, o máximo representante de migracións do PSOE ourensán apunta que esta situación “interrompeu en moitos casos o pago da pensión suíza, ao non presentar en tempo a fe de vida requirida”.

Dende á area de migracións tamén indican que de agora en diante, a seguridade social española “comunicará directamente cada mes as informacións relativas a se a persoa está viva ou faleceu”. Lembran, así mesmo, aos retornados de Suíza que “calquera modificación da situación persoal e familiar, como un cambio de domicilio ou de estado civil, teñen o deber de comunicalo a Suíza”.

“Con este importante acordo entre Suíza e España normalízase unha práctica moi habitual de colaboración entre a seguridade social española e os organismos equivalentes ao resto de países da Unión Europea”, finaliza Luís Gulín.