O PSDEG-PSOE DE CARTELLE AMOSA O SEU “TOTAL” APOIO Á VECIÑANZA DO MUNICIPIO, FARTA DA “DESIDIA” E “ABANDONO” DO PP CON RESPECTO A RECUPERACIÓN DA TORRE DE SANDE
Os e as socialistas súmanse as reivindicacións dos veciños e veciñas que iniciaron unha campaña de recollida de firmas para que se culminen as accións necesarias e a Torre pase a dominio público
O voceiro do PSdeG-PSOE, Jesús Pereiras, afirma que Cartelle “precisa dun goberno municipal que mire polos intereses da veciñanza e non polos do alcalde ou alcaldesa de turno”
Cartelle, 7 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE de Cartelle informa de que a veciñanza de Cartelle, farta da “desidia” e o “abandono” do goberno municipal do Partido Popular, iniciou unha campaña de recollida de firmas para que se culminen as accións necesarias para que a Torre de Sande pase a dominio público e se proceda a súa restauración. Os socialistas amosan o seu “total” apoio a esta iniciativa e reivindican a “necesidade urxente” de buscar solucións ante o “desleixo” sistemático por parte do PP a un dos bens patrimoniais máis importantes do municipio.
Dende o Grupo Municipal Socialista destacan que a veciñanza está cada vez máis farta do “desgoberno” de Jaime Sousa e da alcaldesa na sombra, a senadora do PP, Carmen Leyte, e por este motivo comezaron unha campaña de recollida de sinaturas para esixir “solucións” ao grave deterioro que presenta a Torre de Sande. “Trátase dunha BIC e dunha das xoias monumentais e patrimoniais máis importantes do noso municipio e que se atopa secuestrada pola familia Reza, sen que os gobernos local e o autonómico movan un só dedo para recuperar para o pobo esta infraestrutura e se vele deste xeito pola súa integridade”, destacan os e as socialistas de Cartelle.
Cabe lembrar que en febreiro de 2021, os socialistas presentaban unha moción para o seu debate na sesión plenaria para que esta infraestrutura pasase a dominio público. A moción contou co respaldo unánime da corporación municipal, pero ano e medio despois “non moveron un só dedo para facer cumprir os acordos adoptados no pleno”. Dende o PSOE de Cartelle tamén sinalan que “levamos a situación ao Parlamento de Galicia en numerosas ocasións e requirímoslle ao alcalde que buscase solucións, pero o PP non está pola labor e prefire que unha BIC do noso municipio caia a pedazos, antes de proceder o seu arranxo”.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, a recollida de sinaturas e a presión da veciñanza “é o último recurso que temos en Cartelle para que o Partido Popular se decida dunha vez por todas a actuar e deixen de mirar para outro lado”. O edil socialista tamén afirma que “Cartelle precisa dun goberno municipal que mire polos intereses da veciñanza e non polos do alcalde ou alcaldesa de turno, polo que é hora de mudar esta situación e darlle esperanza de futuro ao noso municipio”.
Pereiras Vázquez fai fincapé en que os e as socialistas do municipio “vamos a seguir loitando por reivindicar esta petición e que a Torre de Sande pase a dominio público, se restaure, se recupere e se poña a disposición do pobo para o seu uso e desfrute”. Neste senso, tamén afirma que se trata dun ben patrimonial que en caso de recuperación “ofrecería centos de oportunidades ao noso municipio, tanto a hora de atraer turistas, como de xerar postos de traballo directa e indirectamente, que ao final é o que máis precisa Cartelle”.