DEREITOS SOCIAIS EMIGRACIÓN

Erros no cómputo de impostos dos retornados de Alemaña

A SECRETARÍA DE EMIGRACIÓN DO PSDEG DE OURENSE ALERTA DE ERROS NO CÓMPUTO DE IMPOSTOS DOS EMIGRANTES RETORNADOS DE ALEMAÑA POR MOR DA DOBRE IMPOSICIÓN INTERNACIONAL

Luis Gulín lembra que os contribuíntes deben agardar a recibir por parte da Facenda alemá o requirimento e a cantidade exacta correspondente ao chamado ‘imposto do 5 por cento’

Aseguran que os erros non son unha práctica exclusiva do contribuínte senón tamén da AEAT, polo que instan aos afectados a acudir á oficina máis próxima se a cantidade reclamada non coincide

Ourense, 9 de xullo de 2022. A secretaría de Emigración do PSdeG-PSOE de Ourense vén de alertar da existencia de erros no cómputo de impostos dos emigrantes retornados de Alemaña por mor da dobre imposición internacional. Os e as socialistas advirten de que algúns contribuíntes están a calcular automaticamente o importe correspondente ao chamado ‘imposto do 5 por cento’ que deben abonar á Facenda alemá, malia non ter recibido o pertinente requirimento por parte da Axencia Tributaria do país xermano.

“Lembramos ás e aos contribuíntes que deben agardar ata recibir por parte da Facenda alemana a notificación coa cantidade exacta a pagar, dado que non adoita ser na maior parte dos casos o 5 por cento matemático, ao aplicarse táboas do mínimo exento fiscal en Alemaña e considerarse tamén os ingresos das pensións españolas”, detallou o secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín, quen engadiu que “a Facenda española pode comprobar posteriormente na base de datos da Facenda alemá que ata a data non houbo requirimento nin pago realizado”.

Ademais, o socialista asegurou que os ditos erros non son unha práctica exclusiva do contribuínte, senón tamén da AEAT, xa que “algúns retornados solicitaron cita presencial para realizar a declaración nas oficinas de Facenda e comprobaron estrañados como os propios funcionarios tamén calcularon o 5 pro cento matemático sobre a pensión de Alemaña, incluíndo a cantidade na casilla da dobre imposición internacional”.

Así as cousas, dende a secretaría de Emigración do PSdeG-PSOE de Ourense instan ás afectadas e afectados a gardar a documentación correspondente e comprobar se a cantidade coincide no momento de recibir a reclamación alemá. “No caso contrario, deben dirixirse á oficina máis próxima da AEAT para previr posibles requirimentos por deducións indebidas”, conclúe Gulín.