concellos Denuncias

Os socialistas de Vilardevós alertan de novos empadroamentos no municipio por mor das eleccións de maio

O PSDEG DE VILARDEVÓS ALERTA DE NOVOS EMPADROAMENTOS “SISTEMÁTICOS” NO MUNICIPIO, COINCIDINCO COA CELEBRACIÓNS DOS VINDEIROS COMICIOS ELECTORAIS DO MES DE MAIO

Os e as socialistas veñen de remitir un escrito a delegada provincial do censo electoral no que amosan a súa “preocupación” por esta forma de actuar do alcalde do PP, Manuel Cardoso, ao que acusan de “caciquear” co único obxectivo de “perpetuarse” na alcaldía

O voceiro do PSdeG-PSOE en Vilardevós, Julio Prada Hohenstein, pon de manifesto que a situación dos empadroamentos “masivos” é unha circunstancia que “se repite” cada vez que se achegan as eleccións

Vilardevós, 12 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE de Vilardevós alerta de novos empadroamentos no municipio, coincidindo coa data de celebración dos comicios electorais do vindeiro mes de maio. Os e as socialistas veñen de remitir un escrito a delegada provincial do censo electoral no que amosan a súa “preocupación” por esta forma de actuar do alcalde do Partido Popular, Manuel Cardoso, ao que acusan de “caciquear” co único obxectivo de “perpetuarse” na cadeira de alcaldía para seguir coa súa política de “abandono” e “desleixo” ao municipio.

No escrito asinado pola concelleira socialista, Marina Lovelace, en representación do grupo municipal socialista, lembran que en anos pasados, e coincidindo cos meses anteriores ao peche do censo, con motivo da celebración de procesos electorais, particularmente o celebrado en 2015, “constatouse un masivo empadroamento de persoas que non tiñan nin vivenda, nin residían no municipio”. Os e as socialistas de Vilardevós afirman que nesas datas “chegouse a empadroar ao funcionario auxiliar administrativo responsable do padrón no municipio de forma fraudulenta, xunto coa súa familia, nun local comercial situado na rúa Santiago nº 3 da capital do Concello”. Uns feitos, que xa no seu momento puxeron en coñecemento da fiscalía de Ourense.

Coa proximidade dos comicios electorais do vindeiro mes de maio, o PSdeG-PSOE de Vilardevós pon sobre a mesa un novo caso de empadroamentos “sistemáticos” no municipio e agarda que estes “se estean levando a cabo segundo os rigorosos criterios de legalidade establecidos, para impedir unha fraudulenta alteración do censo”. Neste senso, anuncian que estarán moi pendentes para verificar que o aumento do padrón cumpra a legalidade e que non se volvan a producir acontecementos como os sucedidos en anos anteriores, cando segundo afirman “produciuse un inflado do padrón municipal, que se constatou con numerosas baixas unha vez pasaron as eleccións”.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Vilardevós, Julio Prada Hohenstein, pon de manifesto que a situación dos empadroamentos “masivos” é unha circunstancia que “se repite” cada vez que chegan os procesos electorais. Por este motivo, o edil socialista apunta a que dende o PSOE “estaremos vixiantes para que esta forma de actuar caciquil e antidemocrática non se volva a levar a práctica”, xa que segundo sinala “estamos ante prácticas impropias dun sistema democrático e que só buscan perpetuar o peor alcalde da historia de Vilardevós na cadeira de mando, para así tamén perpetuar a saga caciquil dos Baltar na Deputación de Ourense”.

Prada Hohenstein lembra que levan anos denunciando estas “alteracións do censo que se producen antes das citas electorais”. Segundo as súas comprobacións, a través dos datos facilitados polo propio concello, producíronse unhas 400 baixas por cambio de residencia entre os anos 2015 e 2019, que practicamente coinciden coas altas efectuadas antes das eleccións municipais de 2015. “Non deixa de ser curioso que xusto antes dos anos electorais, se produzan este tipo de empadroamentos, e que unha vez rematen as eleccións, estas persoas cambien os seus domicilios”, afirma o voceiro do PSdeG-PSOE de Vilardevós.

Os socialistas tamén recordan que estas prácticas xa foron postas en coñecemento de numerosas instancias como a Valedora do Pobo, a subdelegación do Goberno e incluso por vía xudicial, xa que segundo afirman “temos a absoluta certeza de que se tratou dun aumento artificial do censo que beneficia, presuntamente, os intereses electorais do actual goberno municipal do señor Cardoso e o Partido Popular”. Neste senso, tamén cabe lembrar que en febreiro de 2019, dende o PSOE de Vilardevós denunciouse que o alcalde do PP aumentáballe o salario á persoa encargada do padrón en máis de 3.000 euros, en forma de complemento específico. Circunstancia que segundo expresan “chamounos moito a atención pola premura en contestar a reclamación do traballador e coidamos que ten algo que ver coa importancia que leva tido o padrón neste concello”.