O PSDEG-PSOE HOMENAXEA A MANUEL SUÁREZ CASTRO, O PRIMEIRO ALCALDE SOCIALISTA DE OURENSE, 85 ANOS DESPOIS DO SEU FUSILAMENTO
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, asistirá ao acto e contará coa participación, a través de vídeos, dos alcaldes das cidades de Galicia
Os socialistas de Ourense, xunto a Xuventudes Socialistas e UXT, honrarán a memoria do primeiro rexedor nun acto aberto á cidadanía que se celebrará este xoves 28 na escalinata de Santa Maria Nai
Ourense, 26 de xullo de 2022. A Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense organiza este xoves 28 de xullo ás 20.00 horas ao pé da Igrexa de Santa María Nai, o tradicional acto de homenaxe ao alcalde, Manuel Suárez Castro, no 85 aniversario do seu asasinato a mans das tropas franquistas.
A coordinación do acto correrá a cargo de Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria Histórica e Dereitos Humanos da CEM do PSdeG-PSOE de Ourense, e intervirán no mesmo: Alba Iglesias García, secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense; Cristóbal Medeiros, secretario comarcal de UXT Ourense; Natalia González Benéitez, secretaria xeral da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense; Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e representantes da familia de Manuel Suárez. Pechará o acto o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso.
O acto contará tamén cunha proxección audiovisual con mensaxes dos alcaldes e alcaldesas socialistas das grandes cidades de Galicia, que tamén quixeron aportar o seu gran de área neste tradicional e emotivo acto de reivindicación da memoria histórica en Ourense.

Manuel Suárez Castro, “Manoliño”, alcalde socialista de Ourense, foi asasinado na madrugada do 28 de xullo de 1937. Impulsor da modernización de Ourense nos anos 30, presidente da agrupación local do PSOE, vicepresidente da Deputación, cofundador da Caja de Ahorros Provincial e canteiro de profesión. Foi unha das moitas vítimas inocentes que perderon a vida por culpa do golpe de Estado fascista contra o goberno lexítimo da II República.
No ano 2009, a proposta do último goberno socialista na cidade, Manuel Suárez Castro recibiu o recoñecemento da sociedade ourensá e do Concello coa entrega da Medalla de Ouro de Ourense e da designación da Escola de Artes Escénicas situada no Complexo Cultural de San Francisco co seu nome.
Xoves 28 ás 20 horas na Praza Maior de Ourense