Deputación de Ourense INICIATIVAS

Logramos que a Deputación se comprometa a mellorar as estradas do oriente da provincia de Ourense

O PSDEG-PSOE DENUNCIA O “FUME” DA DEPUTACIÓN DE OURENSE ANTE AS “HISTÓRICAS RECLAMACIÓNS” DE MELLORA DAS ESTRADAS DO ORIENTE DA PROVINCIA

“Debemos congratularnos todos e todas, porque estamos de acordo en que esta zona da provincia merece un mellor trato”, destacou Aurentino Alonso tras ser aprobada a iniciativa por unanimidade

“A veciñanza da comarca está farta de falsas promesas e de contos” polo que “esixen corrixir canto antes esta vergoñenta débeda histórica”, destacan desde o grupo provincial socialista

Ourense, 29 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE denuncia o “fume” da Deputación de Ourense ante as “históricas reclamacións” de mellora de numerosas estradas do oriente da provincia. Durante o pleno ordinario do mes de xullo, o grupo de goberno do Partido Popular e a deputada tránsfuga, Montse Lama, empregaron escusas e argumentos baleiros para tratar de xustificar a súa inacción con estas infraestruturas da súa competencia.

O deputado e tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso, destacou que “a porcentaxe de investimento en infraestruturas en Valdeorras redúcese a metade”, en base aos datos ofrecidos hoxe mesmo polo deputado, Pablo Pérez, e recordou que “a provincia vive de costas á comarca” desde hai moitos anos. “Tanto a veciñanza como a Deputación son vítimas dos problemas con esta estrada pero, en todo caso, é a Deputación quen ten que liderar e buscar solucións”, matizou en referencia ás décadas de desleixo que acumula a estrada de San Vicente de Leira, en Vilamartín.

Tamén resaltou a falta de investimentos na estrada alternativa pola que se accede actualmente a San Vicente, unha vía que a Deputación traspasou ao concello de Vilamartín sen dotalo de recursos económicos. “Xa non caben escusas para non comezar as obras, porque conta cun proxecto e con expropiacións”, salientou Alonso antes de advertir dos problemas que ocasionaría “a caída da outra ladeira, impedindo o acceso tamén a una mina de lousa”. O deputado tamén destacou outras estradas con problemas como a que une Sobradelo a Casaio ou a que permite o acceso a Manzaneda.

“A veciñanza da comarca está farta das falsas promesas e de contos” polo que “esixen corrixir canto antes esta vergoñenta débeda histórica”, destacan desde o grupo socialista. “Debemos congratularnos todos e todas porque estamos de acordo en que esta zona da provincia merece un mellor trato”, concluíu Alonso. A iniciativa finalmente foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación.

O acordo aprobado a iniciativa do PSdeG-PSOE insta á Deputación a “executar o proxecto da estrada de San Vicente de Leira en Vilamartín de Valdeorras” e a “mellorar canto antes, o resto de estradas con deficiencias da súa titularidade localizadas nas comarcas do oriente ourensá, tanto na zona de Valdeorras, como en Viana, Trives ou Manzaneda”.

Tamén reclama ao goberno provincial, elaborar “unha análise técnica de necesidades das vías de titularidade provincial e, posteriormente, a redactar e aprobar consensuadamente un plan de investimentos equitativo, que permita solucionar as reiteradas carencias destas estradas”.

Estradas con problemas

Entre os casos concretos de vías con problemas, os e as socialistas citaron o acceso a San Vicente de Leira (Vilamartín) durante os últimos trinta anos ou as eivas que presentan estradas de titularidade provincial que dan acceso ás canteiras e minas de lousa de Carballeda e O Barco, así como os accesos ás zonas de alta montaña de Trives e Manzaneda. En Viana do Bolo, os veciños e veciñas tamén denuncian que é “intolerable que unha estrada como a de San Agostiño, que soporta unha importante carga de tráfico de turismos e mercadorías, estea nunha situación máis propia dun territorio en guerra”.