Executiva Provincial de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Iniciamos un curso político co obxectivo de propiciar o cambio en Ourense

O PSDEG-PSOE INICIA O CURSO POLÍTICO CO OBXECTIVO DE “DESBLOQUEAR” A PROVINCIA E PROPICIAR O “CAMBIO” PARA QUE OURENSE TEÑA POR FIN O FUTURO QUE MERECE

Os e as socialistas celebraron a súa Comisión Executiva Provincial en Barbadás, coincidindo co inicio do curso político e coa celebración dos comicios electorais municipais e xerais no horizonte

Rafa Villarino subliñou que o PSOE “ é un partido de presente e futuro, con moito talento e potencial e que vai rachar co bloqueo nas próximas eleccións para devolverlle a esperanza á cidadanía”

Barbadás, 10 de setembro de 2022.  O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar a súa Comisión Executiva Provincial en Barbadás, coincidindo co inicio dun curso político que ten no horizonte a celebración das eleccións municipais e xerais. Os e as socialistas fíxanse como obxectivo “desbloquear” a provincia, rematar con anos de “desleixo e abandono” e propiciar o “cambio” para que Ourense teña “por fin o futuro que merece”.

Dende a Executiva Provincial seguen apostando por celebrar as súas comisións en diferentes puntos da provincia e desta vez desprazáronse ata Barbadás, un dos concellos que segundo manifestan os e as socialistas “é un dos faros da provincia, un lugar no que hai esperanza, vida e futuro e no que o PSOE demostrou que é capaz de mudar o sino dun municipio que durante anos estivo sumido en dinámicas nada positivas da man do Partido Popular”.

O alcalde de Barbadás e secretario de economía da Executiva Provincial, Xosé Carlos Valcarcel Doval, sinalou que “é o momento de arrancar e darlle un novo pulo ao partido, tal e como se pretende tamén dende as direccións nacionais e federal, co obxectivo de recuperar folgos e achegar á veciñanza as políticas de progreso e proximidade que se están realizando”.

Valcarcel Doval tamén quixo facer fincapé en que a finalidade da Executiva Provincial “é pór en marcha a maquinaria política a efectos de manter esa proximidade coa veciñanza e co obxectivo claro de manter e medrar en votos, acadar a alcaldía da capital e manter e incrementar as alcaldías que hai no ámbito rural e que son o exemplo do bo facer do PSdeG-PSOE na provincia de Ourense”.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, puxo o foco en que o PSOE “está facendo a nivel de Estado un dos maiores investimentos na provincia”. Unha provincia que segundo destacou o líder dos socialistas ourensáns “está afastada de todas as posibilidade de desenvolvemento, tras anos dun goberno provincial que ten demostrado a súa incapacidade de mudar as cousas”. Neste senso, tamén salientou que “o PP ten pasado, pero carece de presente e moito menos ten futuro, namentres que o PSOE sucédelle ao revés, é un partido de presente e futuro, con moito talento e potencial e que vai rachar co bloqueo nas próximas eleccións”.

Rodríguez Villarino tamén quixo mandar unha mensaxe de “esperanza” á cidadanía da provincia e destacou que o PSdeG-PSOE de Ourense “conta con persoas competentes e con esa esperanza e capacidade para traballar, e proba delo é esta Executiva Provincial, na que están persoas que demostran a diario a súa valía”. Por último, o líder do PSOE ourensán tamén quixo facer unha reflexión sobre “que sería deste país se houbese estado outro partido ao fronte nesta situación de crise”.