Concello de Ourense Denuncias

Denunciamos a «confusión, caos e descontrol» que reinan nas xuntas de área do Concello de Ourense

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA A OCULTACIÓN DELIBERADA DE INFORMACIÓN POR PARTE DO GOBERNO LOCAL NAS XUNTAS DE ÁREA DO CONCELLO: “REINA A CONFUSIÓN, O CAOS E O DESCONTROL”

“Os concelleiros delegados dedícanse a tomar nota, hai total opacidade a respecto do funcionamento das áreas que representan e non existe rendición de contas”

As e os socialistas lamentan que “os deberes pendentes de Jácome son proporcionais á incapacidade do microgoberno para xestionar con solvencia e dilixencia as áreas municipais”

Ourense, 13 de setembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia, unha vez máis, a ocultación deliberada de información por parte do Goberno local nas xuntas de área do Concello, logo de que hoxe tivesen lugar as primeiras xuntanzas baixo a remodelación das áreas resultante da ruptura do bipartito do Partido Popular e Democracia Ourensana, nas que aseguran que “reina a confusión, o caos e o descontrol”.

“Os concelleiros delegados dedícanse a tomar nota, hai total opacidade a respecto do funcionamento das áreas que representan e non existe rendición de contas. O que antes era un comportamento relativamente frecuente agora converteuse na tónica habitual destas sesións, nas que se acumulan preguntas ás que non se ofrece ningún tipo de contestación, ben por ocultación deliberada ou por mero descoñecemento”, sinala o voceiro socialista, Rafa Villarino.

Segundo as e os socialistas, a isto cómpre sumar que existe un totum revolutum de áreas que produce “desconcerto” e contribúe a impedir un control exhaustivo de áreas municipais tan destacadas coma a termal ou a urbanística. Neste sentido, exemplifican que “a xestión termal recae sobre a área de Dinamización Municipal, mentres que o mantemento das pozas está baixo o paraugas de Obras públicas, Infraestruturas, Servizos Urbanos e Medio Ambiente”, o cal impide ter unha “visión de conxunto”.

«Hoxe preguntamos sobre se o Concello contaba co perceptivo permiso de patrimonio para a instalación das letras corpóreas de OURense na zona da Ponte Romana, unha información que xa solicitamos tamén por rexistro sen obter ningún tipo de resposta, e a contestación que nos deron foi que esa é unha cuestión que recae na área de Medio Ambiente. É un total descontrol cuxa finalidade é que a oposición non poida fiscalizar o labor do Goberno municipal. Os deberes pendentes de Jácome son proporcionais á incapacidade do microgoberno para xestionar con solvencia e dilixencia as áreas municipais».