Executiva municipal de Ourense

126 aniversario da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense

A AGRUPACION MUNICIPAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA O SEU 126 ANIVERSARIO

O PSdeG-PSOE de Ourense recibe as felicitacións de compañeiros e compañeiras socialistas polos seus 126 anos de historia e a súa defensa dos valores e principios do partido.

Miquel Iceta, Ministro de Cultura e Deporte do Goberno de España e Secretario de Memoria Histórica e Laicidade do PSOE súmase ás felicitacións

A Secretaria Xeral dos socialistas, Natalia Gonzalez Benéitez, quixo felicitar á militancia do partido e a todos aqueles e aquelas que fixeron e fan posible que “sexamos a Agrupación máis importante de Galicia”

Ourense, 18 de setembro de 2022. A Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense celebra este luns, 19 de setembro, 126 anos de historia dende a súa fundación. Os secretarios e secretarias da Agrupación Municipal e Alcaldes, responsables provinciais e autonómicos, membros sindicais e das Xuventudes Socialistas felicitan ao PSdeG-PSOE de Ourense nun vídeo co gallo da sinalada efeméride, agradecendo á militancia o seu apoio ao longo do tempo, aos compañeiros e compañeiras o seu traballo e todos e todas co optimismo de conseguir un goberno socialista para a cidade de Ourense nas vindeiras eleccións municipais.

Os Secretarios Xerais da Agrupación José Rivera, Enrique Pérez e José Ramón Morgade, os tamén exalcaldes, Manuel Veiga Pombo e Francisco Rodríguez, as Secretarias Xerais María Antonia Yáñez e Carmen Rodríguez Dacosta, o ex responsable provincial Gonzalo Iglesias Sueiro e o actual Rafael Villarino, o ex responsable autonómico Antonio Rodríguez e o actual Valentín G. Formoso, ademais dos responsables de Xuventudes Socialistas de Ourense, Alba Iglesias e do sindicato da UXT en Ourense, Cristóbal Medeiros. Todos eles achegan verbas e lembran a súa etapa e vinculación co partido socialista e a cidade de Ourense, felicitan á súa militancia e agradecen a todos os compañeiros e todas as compañeiras que fixeron e fan posibles estos 126 anos de historia. 126 anos de loita polos valores progresistas, de traballo pola cidadanía, e avogan por un partido cada día más forte e unido de cara ás vindeiras elección municipais.

Miquel Iceta Llorens, Ministro de Cultura e Deporte do Goberno de España e Secretario de Memoria Histórica e Laicidade do PSOE súmase ás felicitacións polos 126 anos de historia socialista en Ourense en nome da CEF.

O Secretario Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso trasladou á Secretaria Xeral da Agrupación Municipal parabéns pola longa historia de defensa dos valores socialistas e ao servizo das persoas.

Xosé Lois Carrión, Secretario de Memoria Histórica e Dereitos Humanos da CEM do PSdeG-PSOE de Ourense, home de memoria, co gallo do 126 aniversario relata a historia da Agrupación Municipal e a súa unión, dende incluso antes de existir, coa clase obreira ,coas persoas traballadoras.

Gonzalo Iglesias Sueiro saúda e desexa unha longa vida ao socialismo ourensán, un partido que é “por e para a clase traballadora” e cita a Pablo Iglesias “elexide os mellores candidatos, os máis honrados e despois vixiádeos como se foran os máis ladróns”. Do mesmo xeito, o actual secretario provincial Rafael Villarino traslada os seus parabéns e desexos de longa vida para a nosa agrupación. Desexos nos que tamén coinciden cun dos primeiros secretarios xerais do partido José Rivera e co ex secretario xeral do PSdeG Antonio Rodríguez.

María Antonia Yáñez lembra que “loitei por unha serie de principios como a igualdade, a xustiza, e a política social e o programa 2.000, e como xa no ano 1980 comezouse a traballar cara o futuro con proxectos e propostas para a cidadanía, e que agora a cidade necesita un cambio e que o partido socialista traballe por todos os ourensáns”.

Manuel Veiga Pombo, alcalde de Ourense ata 1995, e cunha participación orgánica moi intensa na súa etapa política, reflexiona sobre a refundación do Partido Socialista no ano 1976, á que acudiu o por aquel entón Secretario Xeral do PSOE, Felipe González. “Agora estamos coa ilusión de que o Partido Socialista poida conseguir un goberno socialista para a cidade de Ourense, agradecendo a todos aqueles e aquelas que veñen apoiando ao partido e o seu proxecto todo este tempo”.

“O fundamental é que sería difícil entender Ourense sen o partido socialista e a súa importancia dende o punto de vista social” afirma Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense de 2007 a 2012 e secretario xeral durante case unha década, que expresa a súa gratitude inmensa a todas as persoas que tiveron a valentía e a coraxe de estar á fronte do partido socialista na cidade; “a presenza do PSOE en Ourense é máis necesaria agora que nunca para seguir avanzando e seguir transformando esta sociedade”.

Carmen Rodríguez Dacosta, secretaria xeral da Agrupación dende 2012, sucesora no cargo de Francisco Rodríguez, subliña que “dende a unión e o esforzo de todas e todos conseguirá (en referencia á actual Executiva a á súa Secretaria Xeral) o éxito para a nosa Agrupación e as nosas siglas.

José Ramón Fernández Morgade, secretario local do PSdeG-PSOE, quixo lembrar aos compañeiros e compañeiras socialistas que xa non están, como “peza esencial para chegar ata aquí”. Á mesma lembranza sumouse Enrique Pérez. Ambos agradeceron aos alcaldes socialistas e aos compañeiros e compañeiras da actual executiva o seu traballo, que “oxalá nos permita alcanzar as metas propostas, traballando polo progreso e benestar da nosa cidade”.

Co compromiso de seguir a loitar pola clase traballadora, Cristóbal Medeiros (UXT) manifesta que “é unha honra formar parte da historia conxunta do Partido e UXT e poder defender os ideais compartidos e avogar por un emprego digno, a protección social e os servizos públicos de calidade”.

Alba Iglesias García, secretaria das Xuventudes Socialistas, reivindica as orixes do partido para que as novas xeracións “poidan coñecer de onde vimos para atinar cara onde vamos”.

“Ourense agarda por nós e é máis necesaria ca nunca a presenza do Partido Socialista para acadar o Ourense que queremos. A razón de ser dende hai 126 anos é un partido ao servizo dos veciños e veciñas da cidade de Ourense, aberto á participación de todas e de todos e con cimentos sólidos sobre os principios da liberdade, a igualdade, a solidariedade e a xustiza social” , rematou a actual Secretaria Xeral da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González.