Executiva municipal de Ourense INICIATIVAS

II Xornadas LGTBI: Ourense por bandeira

A AGRUPACIÓN MUNICIPAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE E AS XUVENTUDES SOCIALISTAS DE OURENSE PRESENTAN AS “II XORNADAS LGTBI: OURENSE POR BANDEIRA”

As xornadas terán lugar o vindeiro domingo, 25 de setembro, e contarán cun “cartel de luxo” no que estarán referentes a nivel nacional coma Beatriz Carrillo, Santiago Rivero e Raquel Pedraja.

A Lei de Igualdade de Trato e Non Discriminación, a chamada “Lei Zerolo”, a prevención e loita contra a LGTBIfobia e a Lei Trans serán os temas fundamentais sobre os que xirarán as xornadas.

Ourense, 19 de setembro de 2022. A agrupación municipal do PSdeG-PSOE de Ourense e as Xuventudes Socialistas presentaron esta mañá o cartel das II Xornadas LGTBI Ourense por Bandeira. O evento terá lugar o vindeiro domingo, 25 de setembro, nos salóns do Restaurante Sanmiguel a partir das 09:30 horas.

Natalia González, secretaria xeral da CEM do PSdeG-PSOE Ourenseresaltou “o traballo conxunto das dúas organizacións para poñer na axenda política de Ourense dúas das sinais de identidade dos socialistas e dous temas transcendentais para o futuro da nosa sociedade: a loita pola igualdade e os dereitos do colectivo LGTBI”.

Engadiu ademais que este ano “contamos cun cartel de luxo con poñentes de prestixio a todos os niveis como Beatriz Carrillo, poñente da Lei Zerolo, deputada no Congreso e membra da CEF,;Santiago Rivero, deputado na Asamblea de Madrid e referente da loita do colectivo na súa comunidade; e Raquel Pedraja, deputada no Congreso e vogal na súa comisión de igualdade”.

Sarai Voces, vicesecretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense, puxo de relevancia que “son unhas xornadas abertas a toda a cidadanía e as que convidamos a participar a todos e a todas este próximo domingo en xornada de  mañá, e que van xa pola súa segunda edición, froito do compromiso do partido e a nosa organización coa loita social a prol da igualdade e dos dereitos e liberdades do colectivo LGTBI en Ourense”.

126 anos de socialismo en Ourense

O comezo da presentación veu marcado pola conmemoración tamén no día de hoxe do 126 aniversario da creación da primeira agrupación municipal socialista ourensá, “un día especial e simbólico para o noso partido, no que animo a todos e a todas a seguir traballando e continuar facendo historia” comezou a secretaria xeral.