Concello de Ourense INICIATIVAS

Logramos que Jácome rectifique e rebaixe o prezo do transporte público

O PSDEG-PSOE LOGRA QUE JÁCOME RECTIFIQUE E QUE OURENSE SE ADHIRA AO PROGRAMA DE AXUDAS ESTATAIS PARA REBAIXAR O PREZO DO TRANSPORTE PÚBLICO NA CIDADE

Os e as socialistas congratúlanse de que o rexedor “recúe” para que Ourense non sexa a única gran cidade galega na que a súa veciñanza non pode acollerse a dita rebaixa no transporte urbano

“Gracias a insistencia do PSOE nas xuntas de área, conseguimos que Jácome non acometese unha nova afronta á cidade e que a veciñanza poida beneficiarse desta axuda que ofrece o Goberno central”

Ourense, 22 de setembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense logra que Jácome rectifique e que Ourense se adhira ao programa de axudas estatais para rebaixar o prezo do transporte público colectivo aos usuarios habituais ata o 31 de decembro de 2022. Os e as socialistas congratúlanse de que o rexedor “entrase en razón” e decidise “recuar” para que Ourense non sexa a única gran cidade galega na que a súa veciñanza non pode acollerse a dita rebaixa no transporte urbano.

Dende o Grupo Municipal Socialista na cidade de Ourense destacan que “gracias a insistencia do PSOE nas xuntas de área, conseguimos que Pérez Jácome non acometese unha nova afronta á cidade e que a veciñanza poida beneficiarse desta axuda que ofrece o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana”. Os e as socialistas sinalan que se trata dunha medida que “beneficiará a milleiros de ourensáns e ourensás que empregan cada día o transporte público para moverse pola cidade, o que lles suporá un importante aforro económico aos seus petos a final de mes”.

O PSOE ourensán critica, iso si, a “demora” e a “inacción” de Gonzalo Pérez Jácome durante o último mes e lembran que o 13 de agosto chegou a anunciar que o Concello non acudiría a convocatoria das axudas e consideraba “contraproducente aplicar baixadas no billete”. “Por mor da desidia e dos caprichos de Jácome, os cidadáns e as cidadás de Ourense estiveron pagando o billete íntegro de autobús durante case un mes, cando vén podería estar xa bonificado, pero coma sempre o rexedor preferiu ir a contracorrente e prexudicar aos ourensáns e ás ourensás”.

“Namentres o alcalde de Ourense busca constantemente por trabas nas rodas ao desenvolvemento da cidade, o Goberno central, co PSOE ao fronte, aposta polas persoas e por medidas en beneficio da cidadanía”, sinalan os e as socialistas. Neste senso, tamén destacan que esta medida que beneficiará os usuarios e usuarias habituais do transporte urbano na cidade, “súmase aos abonos recorrentes que bonifican o 100% dos prezos dos servizos de media distancia de alta velocidade Avant dende Ourense ata Santiago de Compostela e A Coruña, amosando que o PSOE aposta pola provincia, pola cidade, e sobre todo, polas persoas”.

Cabe lembrar tamén que o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou ao alcalde o pasado 8 de setembro, durante unha visita a Ourense, a solicitar a axuda do Goberno, despois de que o rexedor anunciase que non se acollería a axuda. “Bonificar nunca é suficiente, polo que todo o que poidamos bonificarlle á xente para non ter que coller o seu vehículo persoal e poder empregar o transporte público, benvido será”, sinalaba por entón o delegado do Goberno. Unhas palabras que segundo os e as socialistas “parece que calaron fondo no alcalde, ante a súa decisión de recuar e acollerse a ditas axudas”.

O MITMA realizará a transferencia correspondente ao abono das axudas directas a partir do último trimestre de 2022, en función do período de aplicación dos descontos, que se poden activar de forma retroactiva. Unha medida do executivo encabezado por Pedro Sánchez, que tivo unha gran aceptación inicial, adheríndose 178 entidades locais, motivo polo que decidiron abrir de novo o proceso para dar as máximas flexibilidades a todos os concellos interesados.