O PSDEG-PSOE DE OURENSE EXPLICA AOS RETORNADOS QUE EN CASO DE FALECEMENTO DEBEN INFORMAR A ENTIDADE PAGADORA DA PENSIÓN E ENVIAR O CERTIFICADO DE DEFUNCIÓN
Dende a área de migracións do partido recibiron durante as últimas semanas varios correos e numerosas chamadas de retornados e retornadas de Alemaña realizando consultas neste senso
Luís Gulín, secretario de migracións do PSOE ourensán, subliña que “se a viúva ou viúvo ten dereito a unha pensión complementaria de viuvez hai que facer a solicitude correspondente e achegar a páxina do libro de familia onde consta a celebración do matrimonio”
Ourense, 24 de setembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense informa que a área de migracións do partido recibiu durante as últimas semanas varios correos e numerosas chamadas de retornados e retornadas de Alemaña para realizar consultas sobre os trámites a realizar para dar de baixa a familiares falecidos que percibían unha pensión complementaria da empresa (Betriebs ou Firmenrente) a maiores da pensión oficial.
O secretario de migracións do PSOE ourensán, Luís Gulín, explica que “moitos de estes retornados entenden, por erro, que ao falecer a persoa titular da pensión oficial da seguridade social alemá, a propia seguridade comunica a outras entidades privadas a nova situación, algo que non acontece”.
Neste senso, dende a área de migracións aproveitan para lembrar que “hai que informar do falecemento da persoa en cuestión á entidade pagadora desa chamada pensión de empresa e enviar unha tradución xurada do certificado de defunción”. Gulín subliña que “se a viúva ou viúvo ten dereito a unha pensión complementaria de viuvez hai que facer a solicitude correspondente e achegar a páxina do libro de familia onde consta a celebración do matrimonio” e engade que “esa páxina fotocopiada debe ir tamén acompañada da tradución xurada correspondente”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén aproveitan para lembrar que as cantidades percibidas por erro desde o falecemento “hai que devolvelas á entidade aseguradora”. Lembran, unha vez máis, que se a persoa falecida percibiu ara o día da defunción máis de 14.000 euros de ingresos por pensión estranxeira ou por dúas pensións, “os herdeiros están obrigados o próximo ano a presentar a declaración da renda”.