O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA O IMPULSO CO GOBERNO CENTRAL LLE DA Ó PATRIMONIO E Ó TURISMO DA PROVINCIA CUN INVESTIMENTO DE 1,17 MILLÓNS NO PARADOR DE SANTO ESTEVO
Os e as socialistas sinalan que esta actuación permitirá rehabilitar as fachadas do edificio e dotar de iluminación monumental, tanto a parte exterior como o claustro antigo do parador, sito na Ribeira Sacra
Adolfo Pérez Abellás apunta a que este investimento “supón reforzar o atractivo turístico da provincia, así como a riqueza de Ourense como lugar referente do turismo cultural e patrimonial”
Ourense, 28 de setembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense cualifica como “histórico” o investimento levado a cabo polo Goberno central, a través da Secretaría de Estado de Turismo, no Parador de Santo Estevo, en plena Ribeira Sacra, para o que se compromete unha partida de 1.173.505,92 €. Unha actuación que permitirá rehabilitar as fachadas do edificio e dotar de iluminación monumental tanto a parte exterior como o claustro antigo do parador.
O deputado, Adolfo Pérez Abellás; a deputada, Uxía Tizón; e o senador, Miguel Bautista; fan fincapé en que este investimento “permitirá mellorar e manter dunha forma máis axeitada o Parador de Santo Estevo, algo que beneficiará tanto aos turistas como os residentes”. Trátase dun investimento no patrimonio de “todos” e que se verá financiado gracias ao Plan de Modernización e Competitividade do Sector Turístico, liderado pola Secretaría de Estado de Turismo.
Os e as socialistas fan fincapé en que o goberno encabezado por Pedro Sánchez “segue apostando de xeito decidido pola provincia, co obxectivo de impulsar a súa economía e fortalecer Ourense como un destino turístico de referencia”. Neste senso, dende o PSOE ourensán tamén salientan que este investimento supón “unha oportunidade única para poder actuar nesta área histórica do Parador, pór en valor e recuperar o importante patrimonio con que conta e dinamizar este destino turístico”.
Para o deputado ourensán do PSdeG-PSOE, Adolfo Pérez Abellás, este compromiso acadado polo executivo presidido por Pedro Sánchez permitirá “preservar un dos bens patrimoniais máis importantes da provincia, como é Santo Estevo, así como pór en valor a súa relevancia histórica e artística e atraer visitantes que teñan a cultura como unha das motivacións para viaxar a nosa provincia”. “Este investimento supón reforzar o atractivo turístico da provincia así como a riqueza de Ourense como lugar referente do turismo cultural e patrimonial”, afirma.
Pérez Abellás sinala que Santo Estevo “é un dos principais activos do coñecido como turismo cultural, que se atopa en auxe e que debemos potenciar aínda máis”. Neste senso, o representante do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso apunta a que “é compromiso deste goberno conservalo correctamente, mantendo a súa autenticidade ao tempo que se optimiza o seu desfrute en termos de eficiencia e seguridade”. Un investimento, que en palabras do deputado socialista, “ permitirá servir de imán de atracción ao turismo e xerar o desenvolvemento local que desexamos en termos de actividade e emprego”.
O Goberno de España investirá 23,6 millóns de euros na rehabilitación, mantemento e mellora do patrimonio histórico da rede de Paradores de Turismo en Galicia. Un orzamento que procede do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financia cos fondos Next Generation da Unión Europea, e entre estas actuacións atópase a que se levará a cabo en Santo Estevo.