Concello de Ourense INICIATIVAS

Reclamamos a promoción turística conxunta e integrada do complexo cultural de San Francisco

O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMA A “PROMOCIÓN TURÍSTICA CONXUNTA, INTEGRADA E COORDINADA” DO COMPLEXO CULTURAL DE SAN FRANCISCO POR PARTE DO CONCELLO E DA XUNTA 

Denuncian que “o desleixo das administracións autonómica e local” impiden a axeitada promoción duns espazos únicos e singulares que constitúen a nova “centralidade cultural” de Ourense

O edil Rúas defenderá unha moción na que os socialistas reproban que sexan “as empresas privadas as que, suplindo a falta de iniciativa pública, están a ofrecer visitas completas ao conxunto monumental”

Ourense, 15 de novembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense anuncia que defenderá unha iniciativa no pleno municipal de decembro para reclamar a “promoción turística conxunta, integrada e coordinada” do Complexo Cultural de San Francisco por parte do Concello e da Xunta de Galicia, ao consideraren que “non se está a sacar proveito da enorme riqueza patrimonial e cultural deste conxunto” por mor da “falta de cooperación” entre ambas administracións.

“O Estado investiu en obras coma a Biblioteca Nós ou o Arquivo Histórico Provincial pero nin a Xunta nin o Concello de Ourense se poñen de acordo para cuestións básicas de promoción deste conxunto” sinalou o edil Xosé Rúas, quen exemplificou esta “falta de coordinación” en cuestións como “amosarlle as instalacións aos turistas que se acheguen a este complexo”, ou que “polo menos se prendan as luces para poder ver todos os paneis luminosos que hai na parte musealizada do Arquivo Histórico”. 

Dende o grupo socialista denuncian que “o desleixo das administracións autonómica e local” impiden a axeitada promoción duns espazos únicos e singulares que constitúen a nova “centralidade cultural” de Ourense, conformada por edificios coma o Arquivo Histórico Provincial, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), o Auditorio Municipal, a Biblioteca Nós ou o propio cemiterio de San Francisco, tamén BIC.

Por este motivo, o grupo socialista esixirá que se promocionen de maneira conxunta todos os espazos que integran o conxunto monumental de San Francisco, engadindo ademais unha parada de autobús urbano nas proximidades da contorna coa denominación expresa de ‘Complexo Cultural de San Francisco’. 

“Ademais de establecer este transporte público, consideramos que hai que promocionar todo o conxunto, incluíndo o propio cemiterio de San Francisco, que é de xestión municipal”, subliñou Rúas, quen anunciou que solicitarán a promoción conxunta e coordinada do Concello coa Xunta “mesmo á hora de dispor de guías”.

“O Goberno de España, na súa decidida aposta pola cultura desta cidade, contribuíu a darlle un pulo definitivo ao complexo de San Francisco, con inversións históricas”, sinalan dende o grupo socialista, unha actitude contraposta á “preocupante descoordinación do Concello e a Xunta” que fai que sexan “as empresas privadas as que, suplindo a falta de iniciativa pública, están a ofrecer visitas completas a este conxunto monumental”.

“Non esquezamos que, no caso concreto do Arquivo Histórico Provincial, estamos a falar dunha obra cun investimento de 10,2 millón de euros por parte do Estado”, subliñan os socialistas, ao tempo que lamentan que “calquera persoa que desexe achegarse a este espazo se atope con que debe solicitar o acceso para que prendan a luz, os paneis e os monitores explicativos da parte musealizada do edificio, que debería ser de visita libre”, algo extensible ao claustro gótico de San Francisco, para o cal o Concello non organiza visitas públicas.

“Esta é unha situación realmente inaudita nunha cidade coma Ourense, na que o número de visitantes se incrementou de xeito exponencial froito da mellora das comunicacións e tempos de conexión coa meseta e dos plans de bonificación do transporte público por parte do Goberno do Estado”, condenan. 

“O apagón cultural de Ourense é real” lamentou Rúas, quen solicitou que a Xunta e o Concello, “como herdeiros do investimento feito por parte do Ministerio” cooperen e se comprometan a “minimizar as sombras e acender a luz da cultura desta cidade”.