POLÍTICA PROVINCIAL

Cheo absoluto na sede de Afundación, en Ourense, para escoitar o exministro José Bono

O acto tivo lugar no salón de conferencias da sede de Afundación da terceira cidade de Galicia e estivo presentado polo secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino

Bono foi presidente do Congreso, ministro de Defensa no goberno de Zapatero, presidente de Castilla-La Mancha durante seis lexislaturas, deputado nas Cortes e membro do Consello de Estado

Ourense, 16 de novembro de 2022.  O expresidente do Congreso e exministro de Defensa, José Bono, estivo este mércores en Ourense falando sobre relixión e socialismo, nunha conferencia aberta a toda a cidadanía. O acto tivo lugar na salón de conferencias da sede de Afundación da terceira cidade de Galicia e estivo presentado polo secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino.

A conferencia, fundamentada no compromiso de José Bono co socialismo cristián e humanista, transcorreu ao longo de dúas horas ante un auditorio ateigado de veciñas e veciños que se achegaron dende varios puntos da provincia para escoitar ao exministro. No seu relatorio, Bono falou da súa vida persoal, política e relixiosa, así como da simbiose entre todas elas, convidando aos asistentes a afondar no «sentimento de xenerosidade que aniña no corazón humano e deixando ao lado o odio».

O secretario provincial dos socialistas, Rafa Villarino, agradeceulle a José Bono a súa xenerosidade ao acudir ao convite dos socialistas ourensáns «de xeito altruísta», ao tempo que avogou por «non ser dogmáticos» e «abrazar o diálogo e o entendemento entre as persoas».

José Bono naceu o 14 de decembro de 1950 en Salobre (Albacete). Estudou o bacharelato no colexio dos xesuítas e fixo a carreira de Dereito en ICADE, licenciándose pola Universidade de Deusto. Con dezanove anos ingresa no Partido Socialista do Interior e logo Partido Socialista Popular (PSP). Ao terminar os seus estudos exerceu a profesión de avogado que compaxinou coa tarefa docente universitario.

Nas eleccións de marzo de 1979, foi elixido deputado pola provincia de Albacete. No mes de xuño de 1983, foi elixido por primeira vez presidente de Castilla-La Mancha, cargo que desempeñou ata 2004 acumulando seis maiorías absolutas. En 2004 foi designado ministro de Defensa do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. En 2006 foi nomeado membro do Consello de Estado, cargo ao que renunciou ao ser elixido presidente do Congreso en abril de 2008.

O piar fundamental da súa actuación política é o seu “compromiso co socialismo de raíces cristiás e humanistas”.