O GRUPO SOCIALISTA PROPÓN AO GOBERNO GALEGO MEDIDAS PARA LOITAR CONTRA A POBREZA, ESPECIALMENTE NA INFANCIA
Marina Ortega reclama que o PP reconsidere a súa postura de cara á protección dos máis vulnerables e reverta medidas como a retirada da tarxeta básica
Santiago de Compostela, 23 de novembro do 2022. A parlamentaria socialista Marina Ortega levou á Cámara Galega unha proposición non de lei para que se inste á Xunta “elaborar un estudo sobre a afectación da actual crise socioeconómica para a realización dun plan contra a pobreza galego que actúe en función da poboación máis afectada”. A preocupación pola protección contra a pobreza viuse acrecentada pola actual conxuntura económica e social.
A pesar de que a representante socialista emprazou aos populares a “reflexionar” e reverter as súas políticas de desprotección dos máis vulnerables, para evitar así que se incremente a poboación en risco de exclusión social, o grupo parlamentario do PP evitou a aprobación da súa proposición coa maioría absoluta da que dispoñen no hemiciclo.

Marina Ortega puxo o foco nas familias monomarentais, que sofren especialmente a discriminación incluso por parte das administracións, polo que a socialista empraza á Xunta a actuar para cubrir a esas nais e a eses nenos e nenas, especialmente vulnerables ante a pobreza e evitar que reciban aporofobia nos colexios por ter menos recursos que os seus compañeiros.
Para protexer a este colectivo e outros máis, Ortega resaltou que os socialistas fan “unha proposta adaptada ás circunstancias actuais: un plan de pobreza adaptado aos perfís máis afectados, infancia, mocidade, mulleres de familias monoparentais, e persoas con discapacidade”.
Reivindicou a figura da parlamentaria e concelleira de Vigo falecida Isaura Abelairas, a cal instaurou a “tarxeta solidaria” no concello olívico no ano 2014 “sen guerra de Putin nin pandemia”. Con este exemplo quixo amosar á Xunta como este tipo de medidas de proteción son totalmente viables, protestando así contra a retirada da “tarxeta básica”.
Ortega denunciou que ninguén entende por que o goberno galego retirou unha medida propia, que permitiu, xunto co vixente Ingreso Mínimo Vital do goberno do Estado, deter o aumento dos datos de pobreza durante a pandemia, pero que agora retiran en medio dunha crise de prezos cun gran aumento da inflación. Ortega sinalou que “este goberno que non sabe adaptarse ás circunstancias”.
Son practicamente iguales as contías da tarxeta básica que agora “aforra” a Xunta, e o que perde coa bonificación do patrimonio aos millonarios, algo máis de 30 millóns de euros que converten a Rueda no “Robin Hood ao revés, que quita aos pobres para darlle aos ricos”, alegou Ortega.