O PSDEG-PSOE RECLAMA O IMPULSO DE MEDIDAS PARA RATIFICIAR O COMPROMISO DO CONCELLO DE OURENSE E DA XUNTA DE GALICIA COA LOITA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA CO GALLO DO 25N
As e os socialistas levarán unha moción ao pleno de decembro na que solicitan o compromiso de ambas institucións no desenvolvemento de accións dirixidas á defensa dos dereitos das mulleres
García instou a sensibilizar á mocidade a través de programas de educación afectivo-sexual e lamentou que malia a contundencia dos datos haxa quen pretenda “baleirar” o concepto de violencia de xénero
Ourense, 24 de novembro de 2022. Co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o PSdeG-PSOE de Ourense levará unha moción ao pleno de decembro coa que reclama o impulso de medidas para ratificar o compromiso do Concello e da Xunta de Galicia coa loita contra a violencia machista.
En España, desde 2003, foron asasinadas 1.168 mulleres, e 48 nenas e nenos desde o ano 2013. Nese mesmo período de tempo, só en Galicia, 65 mulleres foron vítimas mortais da violencia machista. Segundo datos do ‘Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero’ do Consello Xeral do Poder Xudicial, os xulgados galegos recibiron no ano 2021 6.259 denuncias por violencia de xénero, un 2,7 % máis que en 2020, cando se presentaron 6.097. Aumentou tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois en 2020 contabilizáronse 6.073, fronte ás 6.219 de 2021, o que supuxo unha subida do 2,4 %, sinalan as e os socialistas no texto da moción.
“Os datos son escalofriantes e aínda así, hai quen pretende baleirar o concepto de violencia de xénero”, lamentou a concelleira socialista Concha García, quen matizou que “todas e todos sabemos que os datos non son 100 % fiables xa que hai moitísimas mulleres que non se atreven aínda a denunciar” e instou a pensar en que “detrás destes números están as vidas das mulleres e o sufrimento das familias, polo que non podemos acostumarnos, e moito menos resignarnos, a vivir con esta violencia que desafía os pilares do estado democrático”.

“Invento ideolóxico”
Así mesmo, a socialista salientou que “hai outro dato que nos resulta extremadamente preocupante” en relación aos resultados do último barómetro Mocidade e Xénero 2021, realizado polo Centro Reina Sofía Sobre Adolescencia e Mocidade da FA.
“Segundo este estudo, o 20% dos adolescentes e novos homes, entre os 15 e os 29 anos, consideran que a violencia de xénero non existe e é só un ‘invento ideolóxico’, o cal nos parece proba de que non se está a actuar debidamente no campo educativo, sobre todo en relación á falta de educación afectivo-sexual”.
Así as cousas, as e os socialistas solicitarán o apoio do pleno municipal a esta iniciativa co fin de que Xunta e Concello ratifiquen o seu compromiso na loita contra “calquera discurso negacionista ou posicionamento político que negue a violencia machista” xa que “doutro xeito estaremos a colocarnos de perfil”, concluíu García.
Medidas a nivel local e autonómico
Concretamente, dende o grupo socialista solicitan o compromiso do exectivo local no desenvolvemento de accións dirixidas á defensa dos dereitos das mulleres, coma o apoio ao proceso de renovación e actualización do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que se está iniciando no Congreso dos Deputados ou o establecemento de redes de colaboración coas asociacións da sociedade civil que loitan contra a violencia machista e traballan pola igualdade de homes e mulleres.




Por outra banda, defenden que a Xunta debe presentar no Parlamento un informe de execución das medidas do Pacto de Estado en Galicia dende a súa posta en marcha, solicitar a redacción dun informe urxente por parte do Observatorio Galego de Violencia de Xénero que avalíe a situación actual e propoña novas medidas, así como pór en marcha, no primeiro semestre de 2023, os catro centros previstos de atención 24 horas a vítimas de violencia sexual, ademais de desenvolver unha campaña de concienciación e sensibilización contra a violencia sexual dirixida á mocidade e con especial incidencia na pornografía e incrementar a presenza da educación afectivo-sexual nos currículos do ensino de Primaria, Secundaria e Bacharelato.