Concello de Ourense INICIATIVAS

Reclamamos a posta en valor da Alameda da Ponte de Ourense como espazo interxeracional

O PSDEG-PSOE RECLAMA A POSTA EN VALOR DA ALAMEDA DA PONTE COMO ESPAZO DE LECER INTERXERACIONAL E ESIXE A SÚA REFORMA NO MARCO DO PLAN DE RECUPERACIÓN DOS PARQUES DA CIDADE

Critican a “reforma chapuceira” da Xunta de Galicia, que en 2019 investiu máis de 160.000 euros nunha intervención cuxo resultado provocou gran descontento entre a veciñanza e os comerciantes

Lamentan que un “emblema histórico para o barrio pontino”, construído sobre o solar que ocupaba a segunda estación ferroviaria do Concello de Canedo, se atope en alarmante estado de abandono

Ourense, 9 de decembro de 2022. O grupo socialista no Concello de Ourense vén de reclamar a inmediata posta en valor da Alameda da Ponte como “espazo de lecer interxeracional” e esixe a súa reforma urxente no marco do plan de recuperación de parques da cidade anunciado polo concelleiro Jorge Pumar durante o bigoberno PP-DO. As e os socialistas instan ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome a dignificar este espazo verde, revertendo o abandono que padece na actualidade, para que volva ser “un punto de reunión e desfrute para as veciñas e veciños do barrio da Ponte”.

“Este espazo, que tiña que ser un lugar de encontro para todas as xeracións de pontinos e pontinas, atópase nun estado de total abandono a día de hoxe”, lamentou o concelleiro socialista Wilson Jones, quen salientou que “só é preciso botar unha ollada rápida para darse conta de que existe un total desprezo por parte do goberno da cidade cara a este emblemático parque”.

Dende o PSdeG-PSOE ourensán lembran que a Alameda da Ponte xa foi remodelada en 2019 por parte da Xunta de Galicia con máis de 160.000 euros de fondos do Plan Hurbe, unha intervención que dende o grupo socialista cualifican de “reforma chapuceira e sen ambición”, cuxo resultado provocou gran descontento entre a veciñanza e os comerciantes que desenvolven o seu labor nos baixos anexos ao parque.

“No mandato do PP de Jesus Vázquez, dende o grupo socialista esiximos a reforma integral e urxente deste espazo, mais o que fixo a Xunta de Galicia foi desperdiciar e malgastar unha oportunidade histórica, que hoxe nos fai volver aquí para esixir de novo que este lugar se poña en valor e se convirta nun espazo interxeracional para todas e todos”, reivindicou a voceira socialista, Natalia González.

Neste sentido, censuran tamén que un “emblema histórico para o barrio pontino”, construído hai 54 anos sobre o solar de 3.400 metros cadrados que ocupaba a segunda estación ferroviaria do Concello de Canedo, se atope en alarmante estado de abandono e deterioro na actualidade, polo que esixen a súa rehabilitación urxente e inmediata dentro do plan de reforma dos parques da cidade anunciado en 2021 polo concelleiro Jorge Pumar.

“A día de hoxe non temos constancia de ningún tipo de obra de mellora deste espazo, malia estaren os xogos infantís abandonados, a fonte degradada e sen funcionamento e o conxunto do espazo presa do vandalismo e o desleixo”, concluíu o edil Jones, quen instou ao goberno local a levar a cabo unha reforma integral e reclamar o protagonismo e centralidade que merece este icónico parque para o barrio pontino.