Onte, 26 de decembro, finou en México Modesto Seara Vázquez, nado en 1931 en Allariz, e figura clave do renacer do socialismo ourensán e galego despois da ditadura franquista.
Estando de ano sabático como catedrático, e militando no PSOE Exterior dende os anos 50, participou no XXVII Congreso do PSOE (Madrid, 1976), o primeiro celebrado en territorio español despois do exilio, onde estableceu contacto con Pepe Rivera e Manuel Villar, daquela xermolo do PSOE ourensán alí destacados.
Participou na creación de agrupacións no territorio ourensán (p. ex., a de O Barco) e ao longo de toda Galicia, converténdose no primeiro Secretario Xeral do PSdeG-PSOE.
Por só 200 votos non foi o primeiro deputado socialista ourensán no Parlamento de España, e retornou á actividade académica en México, onde é recoñecido coma unha eminencia.
Alí creou o Sistema de Universidades Estatais de Oaxaca (SUNEO), un innovador modelo universitario que el mesmo diseñou en 1988, que deu lugar a 10 universidades, e do que foi reitor ata o pasado agosto, cando decidiu unirse -pleno de lucidez e facultades a pesares dos seus 91 anos de idade- ao traballo do Gobernador do estado mexicano de Oaxaca, Salomón Jara Cruz.
Pasadas as 22:00 horas en España, faleceu esta destacadísima figura de Ourense, licenciado en dereito pola Universidade Central de Madrid (actual Complutense), doutor pola Sorbona, profesor invitado en Utah, loitador polos dereitos da poboación xudea na antiga URSS, e socialista de corazón que desenvolveu, ao longo da súa frutuosa vida, un intenso labor en favor do progreso social.
Deixanos un home extraordinario, un exemplo que poucas persoas, quizais ningunha, poderá acadar.
Reciba o noso pesar a súa familia, e nomeadamente Laura Seara, quen tamén representa con altura ao partido socialista na nosa terra e fora dela.
Que a terra che sexa leve, compañeiro!
Rafael Rodríguez Villarino
Secretario Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense