ABELLÁS, TIZÓN E BAUTISTA DESTACAN OS “EXCEPCIONAIS” DATOS DO MERCADO LABORAL GRAZAS “ÁS REFORMAS E ÁS NOVEDOSAS MEDIDAS LEXISLATIVAS” IMPULSADAS POLO GOBERNO DE SÁNCHEZ
“Estamos ante os mellores datos de emprego de Ourense en lustros”, aseveran o deputado, a deputada e o senador do PSOE, tras recordar que “temos mínimos históricos de taxa de temporalidade, de paro ou de paro xuvenil”
Anuncian que o Goberno central e o poder lexislativo “imos a seguir a traballar da man para mellorar a vida da xente do común” con “iniciativas centradas no benestar e no progreso de todos e todas”
Ourense, 3 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense destaca os “excepcionais” datos do mercado laboral na provincia ourensá e do resto do Estado, grazas ás “reformas económicas estruturais e as novedosas medidas lexislativas” impulsadas polo Goberno central presidido por Pedro Sánchez. “Observamos un comportamento excepcional do emprego e do mercado laboral, sobre todo neste contexto internacional tan complexo e imprevisible que vivimos”, resaltan os e as socialistas.
“Estamos ante os mellores datos de emprego de Ourense en lustros”, aseveran o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás; a deputada no Congreso, Uxía Tizón e o senador, Miguel Bautista, tras recordar que “temos mínimos históricos de taxa de temporalidade, de paro, ou de paro xuvenil”. “Este decembro temos 4.000 parados menos que no último decembro do Goberno de Rajoy”, destacan. “Cando falamos destes números o máis importante é lembrar que hai moitos cidadáns cun bo emprego, ou o que é o mesmo, cun proxecto de vida”, salientan.
Ourense rematou 2022 cun descenso do desemprego dun 4,4 % e con 752 desempregados e desempregadas menos con respecto ao exercicio anterior. Actualmente hai 16.294 persoas anotadas nos rexistros de emprego, despois dun descenso de 152 persoas en decembro. A afiliación á Seguridade Social concluíu 2022 con 723 rexistrados máis que no ano anterior, sumando 103.915 cotizantes na provincia.
Os datos destapan que o emprego feminino rexistra o maior nivel de toda a serie e, ademais, resulta especialmente dinámica a creación de emprego en sectores de alto valor engadido como a informática ou a ciencia. No conxunto do Estado, decembro pechou con 20,3 millóns de afiliación media á Seguridade Social e unha creación de 471.000 postos de traballo. O paro cae ata os 2,84 millóns, 268.000 menos que a finais do 2021. É a cifra máis baixa desde 2007.
“España e Ourense avanzan firmes cara unha recuperación económica e social global, liderando en Europa o crecemento económico, a rebaixa da inflación, as melloras do mercado laboral e a implantación de novedosas políticas sociais”, insisten o deputado, a deputada e o senador. “Fronte ao inmobilismo dos anteriores executivos conservadores, o PSOE actúa de inmediato e lexisla mediante acordos con empresarios, sindicatos e o resto de axentes sociais”, aseguran.
Os parlamentarios e parlamentarias ourensáns tamén destacan que “Ourense e o resto de España son agora sociedades moito máis sólidas economicamente e socialmente máis maduras, a pesar de sufrir unha oposición política totalmente errada e reincidente nun catastrofismo que a realidade desminte”. “Fronte aos bulos e o inmobilismo da dereita, nós ofrecemos datos realistas e políticas efectivas para mellorar a vida da veciñanza”, insisten.
“O Goberno central do PSOE cumpre con Ourense e seguirá a facer o mesmo durante todo o tempo que sexa necesario, grazas a estas políticas de emprego e a outras axudas extraordinarias nunca antes vistas”, sinalan os e as socialistas ourensáns, tras de recordar como “durante os seus gobernos, o PP empurrou aos demandantes de emprego, aos autónomos e autónomas e ás familias á ruína absoluta” mediante un “abandono bochornoso” do mercado laboral e das políticas sociais.
Pérez Abellás, Tizón e Bautista conclúen sinalando que o Goberno central e o poder lexislativo de España “imos a seguir a traballar da man para mellorar a vida da xente do común” con “iniciativas centradas no benestar e no progreso de todos os veciños e veciñas de Ourense e do resto do Estado”.