Concello de Ourense Denuncias

Reivindicamos maior presenza do comercio e da artesanía locais no mercado de Nadal de Ourense

O PSDEG-PSOE RECLAMA MAIOR PRESENZA E REPRESENTACIÓN DO COMERCIO LOCAL E DA ARTESANÍA DE GALICIA NO MERCADO DE NADAL ORGANIZADO POLO CONCELLO NO PARQUE DE SAN LÁZARO

Dende o grupo socialista lamentan a práctica ausencia destes colectivos nun mercado “improvisado e sen impacto”, e sobre o cal aseguran que “non cumpre as expectativas da veciñanza”

Ageitos reprobou o desprezo do alcalde cara ao colectivo e subliñou a necesidade de darlles “un espazo digno” para amosaren os seus produtos, xa que “son gardiáns dun oficio que debemos protexer”

Ourense, 4 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE vén de reclamar maior presenza e representación do comercio local e da artesanía de Galicia no tradicional mercado de Nadal organizado polo Concello de Ourense no Parque de San Lázaro. Dende o grupo socialista lamentan a práctica ausencia destes colectivos nun mercado que cualifican de “improvisado e sen impacto” e sobre o que aseguran que “non cumpre as expectativas da veciñanza”.

“O Goberno local ten a obriga de escoitar e dar apoio aos nosos comerciantes” reivindicou a concelleira Juana Ageitos. “Non podemos continuar permitindo que sexa o propio alcalde quen vaia en contra dos intereses dos representantes do comercio, da artesanía e da hostalaría de Ourense, e menos aínda nun tempo tan sinalado para a facturación local como é o Nadal, cando todas e todos estamos a mercar os agasallos para os nosos seres queridos”, salientou.

A edil Juana Ageitos e o edil Borja Trigás no mercado de artesanía do Liceo.

A socialista enxalzou tamén a necesidade de “darlles a estes colectivos un espazo digno onde vender e amosar os seus produtos e creacións”, xa que elas e eles “son gardiáns dun oficio que, como representantes públicos, debemos protexer, apoiar e impulsar todos e cada un dos días do ano, e especialmente nestas datas”.

Así as cousas, dende o grupo socialista reclaman que en vindeiras edicións deste mercado “se poña en valor o comercio de proximidade” polo seu vínculo coa economía local e que o Concello “potencie e premie aqueles establecementos que aposten por unha produción local e sustentable”.

“Nós cremos nun mercado de Nadal que represente o espírito destas festas, que permita á veciñanza desfrutar dunha experiencia única e mercar agasallos de proximidade, se así o desexan, e que por suposto sexa un escaparate para os nosos comerciantes, hosteleiros e artesáns”.