Concello de Ourense INICIATIVAS

Presentamos unha moción para que o Concello de Ourense dote o paseo do Miño de iluminación eficiente

O PSDEG-PSOE PRESENTA UNHA INICIATIVA PARA QUE O CONCELLO DE OURENSE POÑA EN VALOR O PASEO DO RÍO MIÑO, DOTÁNDOO DUN SISTEMA DE ALUMEADO EFICIENTE E MELLORANDO O PAVIMENTO

Alertan sobre o estado de deterioro do camiño de terra, que sumado á falta de iluminación provoca que as persoas que empregan este paseo para a práctica deportiva corran o risco de lesionarse

O edil Jones salientou que a situación agrávase a primeira hora da mañá e durante a tardiña, precisamente as únicas horas nas que moitas persoas, por motivos laborais, poden facer uso deste camiño

Ourense, 11 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE defenderá unha iniciativa no pleno municipal deste venres para que o Concello de Ourense poña en valor o Paseo do río Miño, dotándoo dun sistema de alumeado eficiente dende o punto de vista enerxético e respectuoso coa paisaxe na que se integra. Ademais, dende o grupo socialista instarán ao executivo local a acometer obras de mellora do pavimento de terra naqueles tramos máis deteriorados polas inclemencias meteorolóxicas, “de xeito que todas as persoas que utilizan este paseo, xa sexa por deporte ou mero lecer, poidan facelo con total seguridade”.

“O paseo do río Miño é un dos espazos máis coñecidos polas persoas desta cidade para pasear e facer deporte ao aire libre, tamén empregado por parte dos clubs da cidade para o adestramento aeróbico” puxo de manifesto o concelleiro Wilson Jones, quen lamentou que “unha das eivas fundamentais deste percorrido, e unha das reivindicacións máis frecuentes das persoas que o utilizan, é que o estado do sistema de alumeado é moi deficiente”, con zonas “absolutamente cegas e outras nas que os puntos de luz existentes están excesivamente separados e ofrecen escasa iluminación ou funcionan de xeito intermitente”.

“Esta situación dáse especialmente no inverno, cando a luz natural a primeira hora da mañá e pola tardiña é moi escasa” abundou o edil Jones, quen salientou que “é precisamente durante estas horas cando moitas persoas, por motivos laborais, poden facer uso deste camiño”.

Así as cousas, dende o grupo socialista estiman que esta situación converte este paseo fluvial, “un espazo de gran afluencia e beleza, que ofrece unha vista privilexiada do leito do Miño”, nunha zona “perigosa”, especialmente para os corredores, posto que se trata dun camiño de terra “ateigado de charcos e fochancas”, nos que “as persoas que practican este deporte poden non ver onde fan a pisada e lesionarse”.

Así mesmo, dende o grupo socialista advirten que “hai moitas persoas que non utilizan este paseo por medo, xa que estamos a falar de camiños afastados dos núcleos de poboación, nos que a falta de luz e o mal estado do pavimento aumentan a sensación de inseguridade e representan un considerable risco”.

Ademais de solucionar a escasa iluminación do camiño, as e os socialistas demandarán que o goberno municipal acometa obras de mellora para aliviar as irregularidades do terreo na medida en que as inclemencias meteorolóxicas agravan o estado do chan, cun dobre obxectivo: “incrementar a fermosura deste paseo fluvial para goce da veciñanza e dotalo de seguridade, para que aquelas persoas que o empregan o fagan con total tranquilidade”.